A Guarda | No mes de outubro continúa o Ciclo de cinema galego Mestre Mateo, que a instancias da Academia Galega do Audiovisual e da Deputación de Pontevedra dera comezo o pasado mes de xuño para achegar ata as vilas galegas unha mostra representativa do cinema que se está a facer en Galicia.
A programación prevista para este mes, inclúe a película infantil “Valentina”, gañadora do Goya 2022 á mellor película de animación que se proxectará o sábado 7 de outubro ás 18:00h. ; o thriller “O Corpo Aberto” protagonizada por Tamar Novás, que se proxectará o mércores 11 as 21:00h. e o documental “A Foreign song”, finalista da XXI edición dos Premios Mestre Mateo como mellor documental, mellor dirección de fotografía e mellor dirección de produción, que se proxectará o xoves 26 de outubro ás 20:30h.
Todas elas serán proxectadas no Centro Cultural e a entrada será de balde.
A película Valentina, cóntanos a historia dunha nena que soña con ser trapecista, pero cre que non o poderá conseguir por ter síndrome de Down. A súa avoa anímaa a perseverar, xa que se os vermes conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible. Nunca debemos perder a ilusión nin as gañas de aprender.
Sen dúbida unha película cargada de significado e positivismo, sendo un plan perfecto para gozar en familia o próximo fin de semana.
O filme foi finalista dos XXI Premios Mestre Mateo, así como do Premio Goya 2022, ambos na candidatura de mellor longametraxe de animación. E conta cunha páxina web propia na que coñecer aos personaxes e a súa banda sonora, composta entre outros por Emilio Aragón: https://valentinafilm.es/
O mércores 11 de outubro ás 21:00h. será o momento de poder gozar coa gran revelación do cinema galego do pasado inverno: “O Corpo Aberto”, que estivo nomeada ata en 19 categorías diferentes nos 37 Edición dos Premios Goya e que se fixo con ata 12 galardóns na edición 2023 dos premios Mestre Mateo. Esta película cóntanos a historia de Miguel, un profesor novo destinado a unha pequena aldea con tradicións ancestrais na fronteira de España e Portugal: Lobosandus. Nun lugar dominado pola superstición, a estraña morte dun veciño e os sucesos que o rodean levarán a cuestionarse a Miguel os límites entre o mundo dos vivos e os mortos.
O ciclo continuará a partir do 26 de outubro coa proxección de tres documentais e unha película de animación para adultos. Na web ciclomestremateo.gal pódese consultar toda a información do ciclo, así como as fichas das películas e a axenda de proxeccións, que reproducimos a continuación:
7 de outubro:Valentina ás 18:00h.
11 de outubro: O Corpo Aberto ás 21:00h.
26 de outubro: A Foreing Song ás 20:30h.
10 de novembro: Unicorn Wars ás 20:30h.
16 de novembro: Onde mais doe ás 20:30h.
30 de novembro: María Casares, a muller que viviu mil vidas, ás 20:30h.