A Guarda | O Concello da Guarda acolle os días 17 e 18 de marzo unha actividade para a recuperación da memoria do cinema galego a través de diferentes proxeccións dun dos seus pioneiros, José Gil.
As actividades arrancan na xornada do venres día 17 de marzo ás 10:00h no Centro Cultural e continúan na xornada do sábado día 18 de marzo ás 10:00h da mañá na Praza do Reló, con posterior sesión vermú amenizada pola Agrupación Musical da Guarda e pola tardea partires das 17:00h no Centro Cultural. En caso de choiva as actividades de exterior trasládanse ao interior da Casa dos Alonso.
Vía Láctea Filmes, Cine na Rúa e Editorial Galaxia, co apoio da Deputación de Pontevedra, son os promotores desta xira que fai na vila guardesa a súa cuarta parada.
José Gil (Rubiós-As Neves, 1870-1937) foi un fotógrafo e pioneiro do cinema galego que realizou máis de 150 filmes entre 1910 e 1936, principalmente no sur de Galicia.
Foi tamén un home singular, comprometido, sempre á última das innovacións artísticas e tecnolóxicas do seu tempo, e cunha vida dramática que non impediu que, por natureza e afouteza de carácter, lograra desenvolver unha andaina profesional apaixoante e trascendental para o cinema en Galicia.
Co proxecto José Gil. Pontevedra, Provincia de Cine, na Orixe do Cinema, que desembarca os venres 17 e sábado 18 de marzo na Guarda, pretendemos reparar o esquecemento sobre a súa vida e a súa obra, dalo a coñecer á veciñanza e á comunidade educativa da vila, e poñer en valor o legado deste grande precursor cuxa obra atopa equivalencias na doutros pioneiros do cinema nos territorios periféricos da cinematografía mundial a comezos do século XX.
Temos constancia de que as localizacións extraordinarias de Santa Tegra e a desembocadura do Miño foron visitadas en varias ocasións pola cámara de Gil en varias peliculas como: La villa de la Guardia, el monte de Santa Tecla(1920), Panorama de Santa Tecla (1932). No Teatro-cine Ideal da Guarda -inaugurado no 1917- proxectáronse algúns filmes do cineasta, como “Los Reyes de España en su visita a Vigo”(1927) e algúns dos seus “Noticiario de Galicia” (1927-1932).
Ademais, A Guarda é un dos escasos lugares nos que chegou a funcionar o Cinemóbil Nº1, ata a destrución do propotipo por mor dun incendio na noite do 11 de decembro de 1926.
Tamén era a vila do produtor executivo de Celta Films, Higinio Troncoso, que mantivo unha relación de amizade con José Gil.