A Guarda | A Casa dos Alonso acolleu no mediodía do sábado día 1 de abril un dos actos máis emotivos de cantos organizou no seus case seis anos de existencia a Asociación Cultural Piueiro en colaboración co Concello da Guarda, a presentación dunha coidada edición bilingüe do poemario “De mar a mar”, de Feliciano Rolán.
Neste evento, que contou coa colaboración do Concello da Guarda, a secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, a editorial Alvarellos, o poeta, profesor e tradutor Anxo Angueira e o propio pobo da Guarda, contouse cunha excelente acollida de público con numerosos veciños que acudiron a homenaxear a un dos seus, o escritor Feliciano Rolán (Vigo, 1907 – A Guarda 1935)
Coa tradución ao galego, “De mar a mar”, un conxunto de poemas que na súa publicación orixinal recibiu o eloxio de autores como Juan Ramón Jiménez, Federico García Lorca, Álvaro Cunqueiro ou Luís Seoane, conta agora cun espazo preferente na colección “Rescate” da editorial Alvarellos, onde coincide con autores da talla de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Vicente Risco ou Álvaro Cunqueiro.
“De mar a mar. Poemas 1932-1933”, a pesar de quedar relativamente relegada tras a prematura morte do seu autor aos 27 anos, foi unha referencia para os membros da Asociación Piueiro, que traballaron sen descanso para difundir a obra, breve pero intensa, de Feliciano Rolán e, concretamente, este libro de temática marítima é un dos preferidos dos veteranos pescadores e armadores guardeses.
Na presentación oficial celebrada o pasado sábado participaron Montse Magallanes, concelleira de Cultura da Guarda; Tito Chirro, pola Asociación Piueiro: Henrique Alvarellos en representación da editorial; Celso Fariñas como colaborador da obra; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Antonio Lomba, alcalde da Guarda. O evento contou coa actuación musical de Pablo Vidal (contrabaixo) e Clara Pino (arpa) e a colaboración da libraría Ler.
A nova edición do poemario conta cun ensaio de Gregorio Ferreiro Fente que clarifica a obra de Rolán, ademais de achegar imaxes, manuscritos e debuxos inéditos. Pola súa banda, Celso Fariñas debulla a biografía literaria do autor, que termina de entenderse na súa totalidade cos testemuños de Ricardo Carvalho Calero e Carlos Martínez-Barbeito, quen coñeceu ao poeta que é agora homenaxeado por Piueiro.