A Guarda | O Concello da Guarda puxo este venres o broche final á IV edición da Feira de Emprego que este ano levou por nome “Imaxinando Rural”. Un evento con dúas xornadas no que participou alumnado do IES A Sangriña da Guarda, do Obradoiro de Emprego, do Centro Especial de Emprego de San Xerome e demais convidados e asistentes.
Nesta edición púxose de manifesto todo o potencial que gardan as zonas rurais, especialmente A Guarda, non só para desenvolver proxectos de vida senón tamén porque son espazos nos que é posible poñer en marcha actividades profesionais exitosas.
No evento contouse coa participación de diversos entes como o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda, ou o Grupo de Desenvolvemento Rural Baixo Miño que afondaron nas opcións laborais que ofrece tanto o sector do mar coma o sector agrícola.
Tamén visitou A Guarda Anceu Coliving, que ofrece en Ponte Caldelas unha experiencia de convivencia e coworking nunha granxa restaurada, na que resulta posible vivir de maneira sostible e traballar de forma remota.
Contouse ademais coa empresa guardesa Skeirrum, que presentou o seu proxecto e que preparou unha interesante actividade de street scape polas rúas da Guarda na que o eixo principal foi o emprendemento.
Durante o evento tamén houbo espazo para a presentación dos resultados dun estudo sobre mocidade guardesa e perspectivas laborais que se levou a cabo este ano a iniciativa do Concello pola consultora Inthemove, e por último, participaron nunha mesa redonda varios/as representantes de 6 empresas asentadas na vila, un centro especial de emprego e unha asociación que desenvolve proxectos europeos con mocidade aquí na Guarda.
Desde o Concello queremos agradecer a todas as persoas convidadas, asistentes e especialmente queremos recoñecer as aportacións das persoas que participaron desta mesa redonda e que representaron a Librería Atlántica, Acontravento, Academia Lili, XerEmprega, Lacena, Academia Your English Corner, Asociación Foco e Maderas Lomba, que deixaron moi motivado ao público asistente e transmitiron a idea das inmensas posibilidades que ten o noso pobo para emprender. A actividade estivo subvencionada pola Deputación de Pontevedra.
Exposición “A saia raíña”
A Casa dos Alonso da Guarda acolle ata o vindeiro 5 de decembro en horario de mañá a exposición “A Saia Raíña”. Trátase dunha exposición de testemuñas nos formatos de fotografía e audiovisual, froito do traballo de campo de Rita Mas Ybáñez en diferentes aldeas e cidades galegas.
A inauguración, celebrada este xoves día 10 de novembro, contou coa asistencia de preto de medio cento de persoas, intervindo a Concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez, o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a autora desta exposición, Rita Mas Ybáñez.
Para Fátima Rodríguez, “esta exposición pon de manifesto que cada persoa vive en Galicia o loito dunha maneira distinta, en función do seu ámbito familiar, as tradicións dos lugares onde residen ou o seu entorno máis próximo, unha visión global dun feito que a todos nos toca vivir nalgún momento das nosas vidas e que queda reflexado dunha maneira moi visual co excelente traballo feito por Rita Mas Ybáñez”.
O Alcalde valorou esta exposición dun xeito moi positivo, ademais coincidindo no mes de novembro, tendo pasado fai uns días o día de todos os santos, unha exposición que fai un traballo antropomórfico exacto e real do loito en Galicia.
Para a realización desta exposición, foron entrevistadas máis de 60 persoas informantes, principalmente mulleres, aínda enloitadas e tamén homes que falan do costume de gardar o loito, tanto temporal coma permanente. As viaxes coas cámaras, a gravadora e mailo caderno de campo percorreron as provincias de Pontevedra, Lugo, Ourense e A Coruña tanto no rural como no ámbito urbano.
As mulleres falan no documental das súas vivencias, da necesidade ou imposición de gardar o loito, das diferencias do costume entre homes e mulleres, e finalmente da súa evolución que tende a desaparecer no século XXI.
Rita Mas Ybáñez é poetisa e escritora. Entre outros gañou o Premio Nacional de poesía Jaime Gil de Biedma (Segovia) e premios de poesía e vídeo creación das Mariñas (Carballo). Adicada a comunicación en medios e a etnografía, logo da súa formación audiovisual, é estudante de Antropoloxía Social e Cultural na UNED e realiza o traballo de campo e investigación etnográfica sobre o loito. Ten impartido conferencias e charlas na universidade, Concellos de Vigo, A Coruña, e Bibliotecas Provinciais dentro e fora de Galiza, e actualmente está traballando na próxima publicación do formato libro da monografía referida ao loito e o traballo de campo etnográfico resultado da exposición A Saia Raíña, mulleres galegas enloitadas no século XXI.
Esta actividade está promovida pola Concellería de Igualdade e o CIM da Guarda, e está subvencionada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Dende o Concello da Guarda se lanza un convite xerala toda a cidadanía guardesa para que visite esta magnífica exposición, que estará ata o vindeiro día 5 de decembro na Casa dos Alonso.