A Guarda | O Concello da Guarda súmase este sábado 25 de marzo, entre 20:30 e 21:30 horas, á “Hora do Planeta”, unha acción que naceu fai catorce anos e que foi promovida pola organización WWF en prol da defensa da natureza e do medio ambiente. Deste xeito, o Goberno local apagará as luces na Praza do Reló, convidando tamén á cidadanía a facelo nas súas vivendas e propiedades.
Milleiros de cidades, institucións e persoas de todo o mundo amosarán o apoio global á acción conxunta contra o cambio climático, neste ano atendendo ao chamamento da Federación Española de Municipios e Provincias e á Rede Española de Cidades polo Clima.
A “Hora do Planeta” serve para demostrar que a todas e todos impórtanos o planeta e de que xuntos somos parte da solución ao cambio climático e á loita pola conservación da natureza. O obxectivo é actuar agora para que non se poña en perigo a nosa calidade de vida e a das xeracións vindeiras.
Para Montserrat Magallanes, Concelleira de Medio Ambiente, todas as iniciativas que axuden a paliar os efectos do cambio climático terán sempre o apoio do equipo de goberno, tal e como queda de manifesto nas diferentes iniciativas postas en marcha dende o consistorio local en materia de eficiencia enerxética, compostaxe, xestión do lixo ou no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, o Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía (PACES), entre outros.