A Guarda | A Guarda acolleu a pasada fin de semana a festividade do Corpus, dende fai semanas moitas persoas traballaron con moito esforzo e dedicación na preparación dos diferentes materiais que se empregaron ao longo desta fin de semana na confección das Alfombras Florais.
Deste xeito, traballouse a reo entre os veciños e veciñas do pobo que, colectivamente, organízanse para levar a cabo esta actividade a través da Asociación Alfombras Florais da Guarda, para culminar coa realización duns 2300 metros cadrados de superficie en tapices florais que luciron, no seu máximo esplendor, dende o mediodía do domingo cando remataron os traballos dos centos de alfombristas das 10 rúas que se engalanaron para esta ocasión.
Existen informacións antigas que deixan constancia da importancia da celebración da Festa do Corpus na Guarda xa dende o século XVIII, sendo a celebración do Corpus Christi e do Santísimo Sacramento as principais festas cívico-relixiosas do pobo da Guarda.
A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é a encargada na actualidade de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus na Guarda, así como dar a coñecer, por en valor e visualizar o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación guardesa en xeral. Dende o Concello da Guarda se quere agradecer o labor de todas as persoas que traballan para que esta celebración continúe e para que visitantes e locais podan gozar das mesmas, un enorme esforzo que se ve recompensado polos espectaculares resultados unha vez están confeccionadas, sendo auténticas obras de arte en flor.