Inverno 2021-22. A crise entre Rusia e Ucraína copa a atención política e mediática. Entre a tensión, o equilibrio e a disuasión, Putin alza a ton contra Occidente, chámese este EE.UU, a OTAN e a Unión Europea, para advertir que non quere mais “atlantismo” nas súas fronteiras. E para isto constrúe un “cordón sanitario”, quen sabe se novo Telón de Aceiro, trazando un eixe xeopolítico con Bielorrusia para atallar a “ameaza do Oeste”.
Washington, Bruxelas e Kiev responden que “non aceptarán unha invasión rusa a Ucraína”, cando non existen completas evidencias do mesmo. Occidente non quere en 2022 outra Crimea 2014, cando Putin non dubidou en anexar, vía intervención directa lexitimada despois por referendo popular, a “volta a Rusia” desta estratéxica península.
Moitos analistas interpretan a crise ruso-ucraína como unha especie de “guerra latente e esquecida” en Europa. E no trasfondo está tamén a xeopolítica enerxética (gasoduto Nord Stream II), que Putin utiliza moi ben como arma política, principalmente cara Europa, o seu principal socio comercial por consumir o 40% das exportacións do gas natural ruso.
Pero existe un factor en clave histórica que descifra moitas das interrogantes en torno a esta crise. Os simbolismos históricos ten moito peso no imaxinario colectivo dos pobos eslavos. Putin moi probablemente está tensando a corda paralelamente a súa pretensión de “reescribir a historia”, un novo relato histórico para a Rusia post-soviética que quere emerxer precisamente cando este decembro pasado cumpríronse tres décadas da desintegración da URSS, e neste 2022 agárdanos o centenario da creación da primeira república socialista da historia.
“Putin moi probablemente está tensando a corda paralelamente a súa pretensión de ‘reescribir a historia’, un novo relato histórico para a Rusia post-soviética que quere emerxer”
Na derradeira columna de 2021 falaba precisamente das tres décadas sen a URSS, pero tamén de como a relación entre Rusia e Ucraína era a clave política para manter o equilibrio dentro de calquera nova estrutura post-soviética neste espazo euroasiático. Hoxe observamos que precisamente esa condición de equilibrio ruso-ucraíno tamén define moitos dos conflitos postsoviéticos que empañan as sempre delicadas relacións entre Moscova e Kiev.
Meses atrás, Putin escribiu un artigo reproducido nos medios informativos no que declaraba que “rusos e ucraínos son un mesmo pobo eslavo”. Isto define unha obvia declaración de intencións por parte de Putin. Sabe que o tema histórico é moi sensible entre rusos e ucraínos, pobos irmanados pola ortodoxia relixiosa e a cultura eslava. Non se debe esquecer que o primiero Estado ruso, a Rus de Kiev, creouse no século IX.
Mentres os medios occidentais concéntranse en demonizar a Putin case a niveis “hitlerianos” e “estalinistas”, Putin manexa con destreza esas claves simbólicas do eslavismo ruso, metabolizandos dentro dos conceptos de nación e de fe ortodoxa, para configuralas como unha estratexia xeopolítica.
Alén de non querer á OTAN na súa fronteira con Ucraína tras anos de desencontros e desengaños cun Occidente que si quere a Ucraína na súa esfera de influencia, Putin manexa outra carta xeopolítica a favor: aproximadamente un 40% da poboación ucraína asentada na rexión do Donbás e rusofalante, con vínculos históricos, culturais e xeográficos con Moscova, hoxe ampliados de cara á contorna xeopolítica para o Kremlin.
E isto é un factor claramente suficiente para que Putin observe a Ucraína como coto da esfera rusa. Non esquezamos que, anos atrás, o propio Putin chegou a declarar que a desaparición da URSS en 1991 foi “a maior catástrofe xeopolítica do século XX” entre outras cousas porque “25 millóns de rusos quedaron da noite á mañá sen patria, desamparados”, nunha especie de limbo que hoxe Putin non está disposto a seguir permitindo. A diáspora rusa é un valor moi importante para a súa política exterior.
Pero seguindo cos esforzos de Putin por “reescribir a historia”, mentres a atención mediática estaba concentrada na tensión entre Putin e Occidente por Ucraína, a Fiscalía rusa anunciaba a desarticulación da ONG Memorial, que dende fai tres décadas, en plena perestroika gorbachoviana, investigaba os crimes soviéticos e os Gulag. En perspectiva, Memorial constitúe ese esforzo pola “memoria histórica e democrática”, tan en voga nos últimos anos aquí en España.
O peche de Memorial non só é un ataque á liberdade de expresión e da articulación dunha sociedade civil crítica senón tamén unha estratexia de Putin para reescribir a historia xusto 30 anos despois da disolución da URSS. Putin non quere reproducir a URSS pero si ansía modelar outro relato histórico sobre a “nova Rusia”, enfocado en trasmitir ese novo relato a unha xeración de rusos hoxe xeracionalmente “post-soviéticos”, que non viviron ese pasado, e que observan precisamente aquel mundo soviético como unha “arqueoloxía do pasado”.
“É moi posible que a fricción ruso-ucraína segue a ser un tema recorrente neste 2022”
A tensión, mais que conflito, moi probablemente dirimirase polos canais das negociacións, determinadas pola permanente disuasión entre Rusia e Occidente. Pero é moi posible que a fricción ruso-ucraína segue a ser un tema recorrente neste 2022 recen nado e que en decembro próximo conmemorará o centenario da creación da URSS. Preparémonos pois para mais “sorpresas putinianas”.