Lembremos este nome: DeepSeek. “Búsqueda Profunda”, en inglés, para ir entendéndonos. É a Intelixencia Artificial (IA) que China ven de sacar ao mercado. Máis barata, con recursos máis intelixentes e derrubando un modelo de mercado baseado en investimentos masivos. Como se preveía, China volve a estar por diante ante os cambios tecnolóxicos que están ocorrendo nas nosas vidas. E o momento non é casual, é calculadamente elexido.
“DeepSeek’ é o aviso de Beijing de que está preparado para o pulso de poder que está acelerando as nosas vidas”
Non é casual que isto suceda cando a tecnocracia de Silicon Valley xa está instalada na Casa Branca con Trump de retorno. É o aviso de Beijing de que está preparado para o pulso de poder que está acelerando as nosas vidas. O golpe é tectónico: provocou este 27 de xaneiro un terremoto nas bolsas de valores provocando a debacle dun xigante como Nvidia, que perdeu US$ 600.000 millóns nun só día.
Os mass media están intrigados e desesperados tentando analizar e interpretar este evidente “golpe” cara o corazón das pretensións hexemónicas occidentais. Fálase dun Sillicon Valley á chinesa manexado por mozos de elevado talento e instrucción. Ollo ao dato: é unha confirmación de que a mocidade chinesa está capacitada para o envite e o pulso de poder con EEUU. Non é pouca cousa.
Entra aquí un nome propio: Liang Wenfeng, o cerebro detrás de DeepSeek. Nome máis chines non pode ser. Obviamente non ten o pedigré de Elon Musk, Mark Zuckerberg ou Steven Jobs. Vai cumprir 40 anos…así que preparados para a nova xeración de gurús tecnolóxicos étnicamente diferentes, educados e formados nun sistema diferente (ou quizáis non tanto) pero capacitados para a batalla tecnolóxica. Wenfeng é xa un símbolo dese poder que China anuncia. E nin el nin DeepSeek serán a última novidade; en marcha veñen mais en tódolos ámbitos.
Para mais información vaiamos a Wikipedia: “empresario chines, cofundador do fondo de investimento cuantitativo de alto risco High-Flyer e fundador e director executivo de DeepSeek. Considerado o primeiro investor cuantitativo de alto risco que se dedica ao emprendimento de intelixencia artificial en China. O seu pai era mestre de escola elemental”.
Para quen ten estado en China, como foi o meu caso en 2014 traballando durante tres meses nun proxecto cunha Universidade, o de Wenfeng e DeepSeek non é unha sorpresa. China ven preparándose conscientemente para a hexemonía global. Non ten reparos nin descanso. Mentres aquí discutimos a redución da xornada laboral a 35 horas, alá seguen mantendo o modelo “9-9-6”, ou sexa de 9 am a 9 pm e 6 días á semana. Pero non é necesariamente un traballo a destajo. É un traballo determinado pola convicción de apostar polas novas tecnoloxías como elemento de poder.
O sistema chinés premia ese talento e busca mantelo “en casa” mentres aquí en Occidente loitan por evitar quedar rezagados vía fuga de cerebros. Competir? Si, os chineses saben moi ben como facelo. Durante un simposio en Beijing o pasado 20 de xaneiro, Wenfeng declarou que a IA “é unha prioridade estratéxica nacional para China”. Ese foro era organizado polo primeiro ministro Li Qiang. A bo entendedor…
“O sistema chinés premia ese talento e busca mantelo ‘en casa’ mentres aquí en Occidente loitan por evitar quedar rezagados vía fuga de cerebros”
Este mundo de 2025 obnubilado polas ocorrencias de Trump e do seu séquito de gurús mediáticamente mimados que agoran xogan a ser políticos veñen de recibir un golpe certero ao seu ego…e quizáis tamén ao seu ethos. Preparémonos pois para o que ven. Nin Groenlandias, nin Golfos de México/América, nin Canles de Panamá, nin neoimperialismos de anexión (Canadá?), Ucraínas e Sirias poderán parar o feito de que a batalla pola supremacía deste século está no campo tecnolóxico. E Occidente non está precisamente na vangarda nin ten a supremacía absoluta. Por iso este Occidente onde pululan os militarismos a ultranza pode buscar acelerar ese primeiro round vía casus bellis (Taiwán; sueste asiático) coa pretensión de frear a China.