A masificación do turismo de peregrinación en Compostela ten chegado a níveis pouco aturábeis. A capital deste País recibe 1,15 visitantes/habitante, fronte a cadanseus 0,77 e 0,44 das ateigadas Palma e Barcelona. Para máis abastanza, o turismo concéntrase en zonas de alta fraxilidade patrimonial (catedral e contorna). Velaí que o Pleno aprobase en setembro de 2022, sen voto ningún en contra, a creación dunha taxa turística. Porque esta enxurrada de visitantes xera moi importantes sobrecostos nos servizos públicos (limpeza, mantimento estruturas, protección patrimonial, calidade das augas…)
A alcaldesa actual, alicerzada na lexitimidade deste amplo acordo, ven de lle remitir unha iniciativa lexislativa á Xunta de Galicia redactada polo catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC César Gª Novoa para crear este tributo.
Malia se denominar popularmente taxa o tributo que grava as pernoctas e estadías hostaleiras é un imposto indirecto. As taxas remuneran o uso privativo dun servizo público ou dun bem de domínio público (taxa de vado, taxa por licenzas…). Porén, este imposto aproxímase á idea da taxa no beneficio individualizábel que recibe o visitante co conxunto de servizos públicos da cidade, que á súa vez xeran na mesma eses problemas de masificación e eses sobrecustos.
O Concello compostelán non ten competencias para crear novos tributos. Velaí a razón da proposta á Xunta, para que presente no Parlamento galego un proxecto de lei regulando este imposto, que gravaria as estadías en toda caste de establecementos hostaleiros (mesmo albergues, campings, áreas de autocaravanas, casas de turismo rural e vivendas turísticas) que non tiveran unha finalidade sanitaria, educativo-formativa ou laboral. A proposta lexislativa regula entre 0,5 € e 2,5 €/día a cota tributaria, atendendo á categoría hostaleira da infraestrutura.
A proposta cinguiríase só aos concellos declarados pola Xunta de grande impacto turístico, esixindo para a devandita declaración o acordo de cadanseu Pleno. Deste xeito non se esixirá en concellos que non o acorden previamente. Os recursos obtidos integrarían un Fondo galego que se destinaría nun mínimo do 95% a estes concellos. A proposta compostelá ofrécelles aos Concello da Coruña e Vigo a posibilidade de gravar atraques en trânsito de cruceiros, que xeran tamén estes sobrecustos.
“A proposta cinguiríase só aos concellos declarados pola Xunta de grande impacto turístico, esixindo para a devandita declaración o acordo de cadanseu Pleno”
A solución proposta por Goretti Sanmartín semella ben acaída, pois que: i) gravará só logo da demanda do concello correspondente, ii) esixirá cantidades moi moderadas que non prexudicarán a demanda turística e iii) destinará os recursos xerados aos concellos que aturen este fenómeno. E ten, tamén, o mérito de substituir os discursos polas propostas concretas. Non se entenderia, entón, o rexeitamento da Xunta a unha proposta semellante.