A II edición de Pinchotea duplica os seus participantes

Será do 24 de outubro ao 10 de novembro con 19 establecementos

Ponteareas | A segunda edición de ‘Pinchotea’, a ruta de ‘pinchos’ que ten como obxectivo dinamizar a hostalería de Ponteareas, comezará este xoves 24 de outubro e estenderase ata o domingo 10 de novembro superando en case o dobre o número de locais participantes respecto á primeira edición.

No acto de presentación, que tivo lugar no Salón de Plenos, participaron a alcaldesa, Nava Castro, o concelleiro de Comercio, Ricardo González, así como varios dos hostaleiros e hostaleiras participantes, que desvelaron as súas tapas e pinchos cunha mostra en directo ante os medios.

Como novidade, o concelleiro de Comercio presentou a colaboración do comercio local “a través dun sorteo da man da Asociación de Comerciantes Banastra e da Asociación de Comerciantes Tea e así facer cidade xuntos provocando que a clientela da hostalaría tamén visite o comercio e á inversa”.

A alcaldesa destacou que “esta iniciativa pon de manifesto a nosa rica cultura gastronómica e tamén fortalece o tecido social e económico de Ponteareas. Estamos orgullosos de poder dicir que nesta segunda edición contamos co dobre de establecementos de hostalería que o ano pasado e iso significa que é unha iniciativa importante para os veciños, veciñas e visitantes, pero tamén para todos os hostaleiros da zona. Hoxe xa tivemos un adianto do que os nosos hostaleiros teñen preparado. Cada un deles deseñou pinchos e tapas únicas que reflicten o seu estilo e esencia e estamos seguros de que nos farán desfrutar a todos coas súas elaboracións”.

Concurso tapas
Nesta segunda edición hai establecidas dúas categorías no concurso para os hostaleiros: ‘Cociña en miniatura’ e o ‘Pincho Taverneiro’.

Na de ‘Cociña en miniatura’ concederáse o ‘Premio Pinchotea á mellor tapa de Ponteareas 2024’, que constará de primeiro, segundo e terceiro premio. Na categoría de ‘Pincho Taverneiro’ concederase un único premio, o ‘Premio Pinchotea Camiño de Ignacio Taverneiro 2024’.

O xurado estará formado por profesionais do sector, do ámbito educativo (Centro docente EFA A Cancela) e tamén poderá formar parte algún/algunha cociñeiro/a de renome. O xurado visitará cada local para realizar o informe de valoración. Ademais, a clientela tamén dará a súa opinión dos pinchos e tapas para saber cal é o mellor pincho popular. As tapas serviranse os xoves, venres e sábados, de 19:00 a 21:30 horas, e os domingos en sesión vermú, das 11:00 ás 14:30 horas. Os locais de hostalería participantes nesta segunda edición son: MacDona, Bar Cortiñas, Casa Ferreira, Bar Romi, Mamá Fina, D’Peyo, Novo Melodi, Luna Flores, La Preciosa, Papelón con limón, Eira Vella, El Túnel, Casa Cultural Arcos, Xirope, La Oficina, Troll, Café Bar Ciudad e La Carlotta Burguer.

Sorteos e agasallos
O público que participe de forma activa nesta ruta terá beneficios. Por iso, cóntase cun catálogo con diferentes agasallos, que serán desvelados moi pronto doados polos locais participantes e polos patrocinadores.

Os consumidores recibirán nos locais participantes un pasaporte no que poderá ir poñendo un selo por cada tapa ou pincho que consuma. Se ao finalizar Pinchotea conta cun mínimo de 6 selos de diferentes locais, debe cubrir no pasaporte o seu nome, apelidos e teléfono, e depositalo nas urnas repartidas nos establecementos participantes.

Promoción coas Asociacións de Comerciantes
Ademais, este ano a ‘Asociación de Comerciantes Banastra’ e a ‘Asociación de Comerciantes Tea’ colaboran coa ruta e ofrecen novidades para o público. Durante o período do concurso, todas persoas que compren nos locais asociados recibirán unha papeleta que deberán adxuntar grampada ao pasaporte en calquera buzón da hostalaría participante.