É perceptible que hai un “fin d’èpoque” na Rusia de hoxe. En medio dunha guerra en Ucraína que leva xa seis meses sen visos de finalización, o deceso de Mijaíl Gorbáchov este 30 de agosto, aos seus 92 anos, da conta dun fin de ciclo na historia contemporánea de Rusia. Un ciclo iniciado coa desintegración da URSS en 1991 e que reflicte unha transición inacabada, hoxe en día monopolizada polo protagonismo do actual presidente Vladimir Putin, no poder desde 1999.
“Dúas palabras acompañan a Gorbáchov: perestroika e glásnost”
Dúas palabras acompañan a Gorbáchov: perestroika e glásnost que, quizáis hoxe, deberían cobrar vixencia na Rusia de Putin. Tras ascender ao poder como secretario xeral do PCUS en 1985, Gorbáchov deu pé a aires de liberdade insospeitados nunha URSS en fase de declive, cada vez máis erosionada pola crise económica e o paulatino ascenso dunha clase burocrática que foi definindo a fisonomía da estrutura oligocrática que dende entón impera no Kremlin, sorte de nova nomenklatura post-comunista.
Unha oligocracia que Boris Yeltsin, o sucesor de Gorbáchov, elevou ás máximas instancias do poder das cinzas da URSS e da súa caótica transición e que Putin, o ex axente do KGB supeditado no seu momento ás ordes de Gorbáchov, foi acicalando con destreza para definir os trazos da Rusia post-soviética.
Idolatrado nun Occidente mergullado na estratosférica “Guerra das Galaxias” lanzada polas administracións Reagan-Bush contra a URSS e o campo socialista, o legado de Gorbáchov é contraditorio na súa natal Rusia. Nun artigo anterior publicado fai exactamente un ano explicaba esa estraña condición de “amor-odio” que persiguiu a Gorbachov incluso unha vez deixara o poder. Deste xeito, o último secretario xeral do PCUS e posteriormente o primeiro (e tamén último) presidente da URSS deixou subitamente de ser unha personaxe relevante para a política rusa cando, no seu momento de máximo poder, era claramente o principal desafío para o Occidente “atlantista” deseñado dende Washington.
Gorbáchov, ese “ilustre esquecido”, desaparece fisicamente toda vez a Rusia de Putin tenta (re) definirse dentro da sempre macabra mecánica histórica dos conflitos e das guerras, e que ten hoxe a Ucraína no centro da atención xeopolítica e militar global.
“Gorbáchov tentou achegar á URSS a ese Occidente idealizado (…) Hoxe Putin afástase precisamente dese Occidente co trasfondo dunha guerra”
Gorbáchov tentou achegar á URSS a ese Occidente idealizado pero tentando evitar que perdera a súa esencia. Fracasou no seu intento. Hoxe Putin afástase precisamente dese Occidente co trasfondo dunha guerra na que Rusia busca reorientar as súas prioridades históricas e xeopolíticas, quizáis máis enfocadas en tentar pechar esa “transición inacabada” dentro espazo euroasiático ex soviético. Curiosa e estraña analoxía entre Gorbáchov e Putin que, dalgún xeito, define tamén a vertixinosa historia da Rusia contemporánea, herdeira de pantasmas do pasado que se negan a marchar.