O pasado 29 de outubro de 2021, o Consello de Seguridade adoptou a resolución 2602 (2021) pola que prorrogou o mandato da Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sahara Occidental (MINURSO) ata o 31 de outubro de 2022.
Esta nova resolución aprobada polos membros do Consello de Seguridade da ONU ignora, intencionadamente, o estado de guerra que se vive no territorio desde o 13 de novembro de 2020 como resultado da grave violación por parte do réxime marroquí do cesamento do fogo asinado polas partes en 1991.
O Consello de Seguridade, coa o aprobación desta resolución, dá ás ao ocupante marroquí a continuar coa súa cruel política de ocupación e represión contra o pobo saharauí nos territorios ocupados do Sahara Occidental xa que, unha vez máis, non prevé ningunha medida práctica para garantir a plena aplicación do mandato para o que se estableceu a MINURSO, que non é outra que a celebración dun referendo de autodeterminación.
A inacción e o silencio cómplice do Consello de Seguridade condena ao fracaso a misión do novo Enviado Persoal do Secretario Xeral da ONU para o Sahara Occidental, o Sr. Staffan de Mistura, socavando así gravemente as perspectivas de reactivación do proceso de paz.
Nun comunicado emitido pola Fronte POLISARIO, por mor da aprobación desta nova resolución, lamenta que tras tres décadas de apostar pola solución pácifica do conflito, “hoxe non queda máis remedio que continuar e intensificar a súa lexítima loita armada para defender a soberanía do seu país e garantir o exercicio do seu dereito inalienable e innegociable á autodeterminación e a independencia.
A Fronte POLISARIO reafirma que a única vía realista e practicable para lograr unha solución pacífica, xusta e duradeira á descolonización do Sahara Occidental é permitir que o pobo saharauí exerza libre e democraticamente o seu dereito inalienable e non negociable á autodeterminación e a independencia, de acordo cos preceptos da legalidade internacional e as resolucións pertinentes das Nacións Unidas e a Unión Africana.”