A Fiscalía adscrita ao Tribunal Supremo estatal arquivou as investigacións, abertas respecto de indicios que incriminaban ao Borbón, en relación coa recepción, disposición e administración de determinados fondos. A Fiscalía considera que non ten que formular querela por considerar que os feitos investigados non constitúen delito. Nalgunha ocasión, por non existir máis nada que indicios non conexos ou por existir indicios de infracción tributaria administrativa e non de delitos fiscais. Noutras ocasións, constátanse feitos constitutivos de delito, pero decláranse prescritos. E noutras considérase que os feitos non poden ser obxecto de persecución penal por gozar o emérito de inviolabilidade ata o 18 de xuño de 2014, cando cesou por mor da súa dimisión na Xefatura do Estado.
A investigación considera probado que o 8/08/2008 (data con evidentes evocacións esotéricas) a fundación panameña Lucum (creada días antes tendo como beneficiarios dos seus fondos ao emérito e, faltando el, aos seus fillos, incluíndo o actual xefe do Estado) abriu unha conta bancaria na banca Mirabaud e que nesa mesma data o rei saudita Abdalá bin Abdulaziz transferiría a estes 100 millóns de dólares (algo menos de 64,9 millóns de euros) en concepto de doazón (agasallo, na suposta tradición das monarquías árabes, segundo foi reflectido nunha memoria xustificativa da operación, simultánea a esta). Tamén quedou probado que o emérito ingresou en efectivo na mesma conta no 2010 algo máis de 1,4 millóns de euros, que lle foron facilitados polo sultán de Barhein, cantidade que levou no peto polos aeroportos ao amparo do seu pasaporte diplomático. E tamén a transferencia de todos os activos da Fundación Lucum (saldos bancarios en euros, francos suízos, dólares e valores mobiliarios) a unha conta bancaria nas illas Bahamas como “doazón irrevogable a favor de Corinna zu Sayn- Wittgenstein”.
A Fiscalía considera que non existen indicios para considerar que a suposta doazón do rei árabe estea vinculada a supostas comisións pola construción da alta velocidade ferroviaria entre a Meca e Medina, a pesar de coincidir no tempo coa apertura da fase II do proxecto e as manifestacións da amiga alemá do Borbón, que declarou escoitarlle que a el pertencíanlle por comisións dese negocio “50 millóns de euros”. Non parece que este feito integre un delito de corrupción nos negocios, pero si un delito de suborno pasivo impropio, que pena aos funcionarios públicos que acepten agasallos de terceiros por desenvolver o cargo que ostentan. O agasallo de máis de 1,4 millóns de euros do sultán de Barhein tamén integraría este tipo delituoso, segundo a Fiscalía. E, se non hai máis remedio, a transferencia de todos os activos da Fundación Lucum (65 millóns de euros) ao dispoñer da Sayn- Wittgenstein constituiría un delito de blanqueamiento de capitais, ao “legalizar” fondos de clara orixe delituosa.
A inviolabilidade do xefe do Estado como garantía da súa impunidade
A pesar de existir indicios racionais e sostibles de dous graves delitos de suborno pasivo impropio e doutro de blanqueamiento de capitais, a Fiscalía mesmo constata que o delito de blanqueamiento dos capitais facilitados polos monarcas árabes, desenvolto no 2012 resolvía o problema da prescrición dos dous supostos agasallos, ao tratarse dunha eventual continuidade delituosa. Tiñamos, entón, a Juan Carlos de Borbón fronte á eventual imputabilidade de tres graves delitos, pero chocamos con a inviolabilidade do xefe do Estado, recoñecida no artigo 156.3 da Constitución do estado español.
Na doutrina xurídico-constitucional (e diso podemos dar fe todas as persoas que estudamos Dereito) considerouse case sempre a inviolabilidade como a imposibilidade de acusar o xefe do Estado de delitos desenvolvidos no exercicio do seu cargo, pois que todas as súas decisións deben ser sometidas a referendo, ben da Presidencia do Goberno do Estado ou de algún titular ministerial, ben das Presidencias do Congreso e dos Parlamentos territoriais para elixir os presidentes dos gobernos do Estado e autonómicos.
“A vixente Constitución, pois, valida todo comportamento delituoso do anterior xefe do Estado e legaliza o seu ilexítimo enriquecemento”
Pero a Fiscalía neste caso segue a doutrina do Tribunal Constitucional, que decidiu en dúas sentenzas de 2019 (cando xa habían caducado ou estaban a piques de caducar os mandatos de catro dos seus membros) estender o perímetro da inviolabilidade a todos os actos de natureza pública ou privada do rei mentres desenvolvese o seu cargo. Ou sexa, decidir que Juan Carlos de Borbón está exento de toda responsabilidade por calquera acto anterior ao 19 de xuño de 2014.
A vixente Constitución, pois, valida todo comportamento delituoso do anterior xefe do Estado e legaliza o seu ilexítimo enriquecemento. Mesmo se matase a alguén, non habería de pagar por iso. É moi difícil, desde logo, encaixar esta constitución xurídica na arquitectura dun estado democrático de dereito.
O fondo da illa de Xersei
A Fiscalía desfeita que a constitución no 2004 (e a súa administración e disposición posteriores) dun trust (fondo fiduciario) na contía de 10,2 millóns de euros por Romero Maura, amigo de Juan Carlos de Borbón, poida ser delituoso, por considerar que o xefe do Estado só sería beneficiario nun suposto eventual do seu derrocamento.
A pesar desta aparente realidade e recoñecemento o xogo da prescrición, as investigacións xudiciais determinan a case total probabilidade de que os fondos de orixe para a dotación deste trust veñan doutros dous fondos, creados no 1995 e 1997, dos que Juan Carlos de Borbón era beneficiario.
Agasallos da Fundación Zagatka e doutras persoas
Inviolable ata xuño de 2014, é incrible que Juan Carlos de Borbón aceptase posteriormente transferencias e agasallos en viaxes, gastos sanitarios, etc., sen liquidar as correspondentes cotas tributarias no imposto de doazóns.
A non ser que se dean nel, ao mesmo tempo, a coincidencia de alongar a súa impunidade e a convicción de que o diñeiro que lle enviaban era, en realidade, diñeiro da súa propiedade que outros administraban e que só volvía a quen pertencía.
“Está no ambiente que a institución monárquica está fóra do control democrático e que a lei non se aplica igual para todos”
Allen Sanginés transferiu a favor do emérito 1.019.000 € desde xuño de 2014 ata finais de 2018. Juan Carlos de Borbón pagou en declaracións complementarias do imposto de doazóns algo máis de 559.000 € en decembro de 2020. Pola súa banda, o Borbón recibiu da Fundación Zagatka, administrada polo seu primo Álvaro de Orleans, máis de 10 millóns de euros en viaxes, gastos sanitarios, etc. O emérito pagou en cada unha das declaracións complementarias do mesmo imposto e dos mesmos exercicios (2014 a 2018) algo máis de 4,5 millóns de euros a principios de febreiro de 2021.
Cando regularizou o emérito estas débedas tributarias, xa existía a investigación respecto das contas da Fundación Lucum en Xénova e xa estaba notificada ao seu avogado (verán de 2020). Entón, considerar que non existiu delito fiscal (que esixe só 120.000 € por ano e imposto, pensemos que o emérito regularizou case 5,1 millóns de euros distribuídos en cinco exercicios) por regularizar antes do coñecemento polo suxeito pasivo das dilixencias de investigación constitúe un criterio certamente hipergarantista que abre dous interrogantes: i) por que non se aplica cos demais contribuíntes? ii) por que non se abriron polas Axencias Tributarias competentes procedementos de inspección ou actuacións de comprobación que interrompesen prescricións e evitasen o efecto das eventuais regularizacións?
Unha persoa indigna, unha institución degradada, un estado parcial e disfuncional
It’ s good to be the King, dicía Luís XIV na película de Mel Brooks History of the world. O aparello do Estado funcionou ben para impedir a xustificada persecución penal do anterior xefe do Estado, tanto no que incumbe á Fiscalía (“a fiscalía afínacha”, conspirou o exministro Jorge Fernández Díaz contra as lexítimas institucións catalás) como ás Axencias Tributarias. Está no ambiente que a institución monárquica está fóra do control democrático e que a lei non se aplica igual para todos. Que llo digan, se non, aos presos políticos e exiliados cataláns, ao president Torra ou a Pau Juvillà.
Pola súa banda a institución monárquica, que constitúe o núcleo do propio deep state confirmou a súa elección pola opacidade, pola falta de respecto pola intelixencia da xente e pola parcialidade, mentres ningún partido do réxime propón regras claras que impidan outra vez a impunidade dun xefe do Estado.
O que si quedou claro é a indignidade de Juan Carlos de Borbón como xefe de estado, o que debería ser o primeiro funcionario público, o primeiro servidor da cidadanía. E parece que só vimos a parte emerxida do iceberg.
Tomado e traducido de elnacional.cat.