A industria cultural e creativa da Eurorrexión factura 2.323 millóns

Santiago | As industrias creativas en Galicia e o Norte de Portugal: análise cuantitativa é o título do informe que presentaba esta mañá Juan Carlos Rodríguez Fasero no marco do encontro As industrias culturais e creativas como chave para o futuro: análise e perspectivas. Esta análise, realizada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial, cifra en 2.323 millóns a facturación das empresas deste tipo ubicadas na Eurorrexión durante 2009, dos cales 1.135 corresponden a Galicia. En total, o número de firmas que traballaban estes ámbitos en 2011 eran 13.543 en Galicia, un número que medrou nos últimos anos. O sector supuña ese mesmo ano 21.263 empregos, un 2,17 do total.
Segundo os datos recollidos, son as empresas do produto gráfico as que teñen un maior peso económico, cunha facturación de 1.211 millóns. A publicidade (292 millóns) e o audiovisual (208) seguen na lista. No marco específico das industrias culturais, destaca tamén a música, con 130 millóns de facturación, mentres no apartado denominado Core Arts, agrúpanse firmas centradas nas bibliotecas, arquivos, museos e xestión do patrimonio, que facturaron nese ano 45 millóns de euros.
 
Fotografía (33 millóns), Artes Escénicas (30) e artes plásticas (6 millóns) son as seguintes por volume económico.
As conclusión do estudo salientan o potencial de crecemento deste ámbito e apunta á necesidade de apoiar a creación e en reorientar as infraestruturas culturais de cara á creación mais do que ao consumo.