Non cremos que se presente este novo Plan tendo á vista as eleccións. O Partido Popular quererá evitar calquera posible conflito cos colectivos ou empresas que se consideren prexudicados. Seica hai un traballo feito durante dous anos que non chegará a cristalizar agás que o PP revalide a maioría absoluta. En calquera caso, o novo goberno deberá enfrontar unha revisión a fondo da política forestal ata agora vixente en Galicia a cal desprezou dun xeito irresponsable as posibilidades de desenvolvemento económico que xera o bosque e o rural no seu conxunto.
Nunha entrevista de hai unhas semanas, o presidente do Clúster Galego da Madeira advertía ante o anuncio do novo Plan Forestal de que “non se pode reducir o cultivo do eucalipto por debaixo das necesidades da industria”, unha frase que resume a cegueira existente no país en torno a este asunto capital para o noso futuro.
Outras frases da entrevista representan unha declaración de intencións a ter moi en consideración. Di o presidente do Clúster, por exemplo, que “a ninguén se lle escapa que o sector en Galicia pivota sobre o piñeiro e o eucalipto” e que “a industria transformadora está baseada no que crece en Galicia”. A frase resulta inaudita: en Galicia medran as especies propias, as que están adaptadas ao seu medio natural, como en calquera outra parte do mundo; piñeiro e eucalipto son especies alóctonas que medran aquí porque houbo quen as trouxo doutros lugares do planeta.
Insiste o presidente do Clúster galego: “Non podemos masificar o cultivo de eucalipto, pero tampouco reducilo por debaixo das necesidades da industria… O eucalipto é unha madeira que ten moi boa acollida no mercado, e non podemos ser alleos a iso.” Imos ver: en Finlandia, caso paradigmático de éxito da industria forestal, un 97% das especies que se cultivan son autóctonas, e o eucalipto que necesitan impórtano de China.
O xornalista pregunta a continuación sobre as leccións que se poden tomar de países como Finlandia, precisamente, ante o cal o numantino presidente se defende: “Galicia ten as súas particularidades… Inda que se analizaron as boas prácticas que existen noutros países, ao final o que tes que facer é mirar para dentro e ver o que tes”. Non parece que haxa unha grande vontade transformadora.
O que temos nós é unha terra propicia para a produción agraria e pasto e para o crecemento de especies forestais autóctonas. Temos unha celulosa que afaga a explotación natural dunha ría que noutro caso sería fonte de riqueza. E temos unha paisaxe estragada pola masificación absoluta dunha especie foránea que esquilma ademais a fauna e a flora autóctonas. Somos unha das rexións europeas con menor dedicación proporcional de superficie produtiva agraria e cun sector forestal de rendemento extraordinariamente inferior á media da Unión Europea. E somos unha economía cun paro próximo ao 20% incapaz de xerar traballo para a xente nova que se incorpora ao mercado laboral.
Pola contra, Finlandia, o exemplo que estamos a manexar, cunha poboación que nin sequera duplica á galega, exporta 11.000 millóns de euros de derivados da madeira, e conta con 49 empresas de papel ou cartón, 16 de polpa ou celulosa, 36 serradoiros, 12 fábricas de chapa e 63 de mobles, as cales en conxunto dan traballo a 52.000 persoas. Todo iso a partir, como diciamos, dunha masa forestal formada no seu 97% por especies nativas ou autóctonas.
A política forestal e, concretamente, o tratamento á invasión descontrolada do eucalipto é motivo de frecuentes debates en Galicia que terminan por esmorecer sen que o rumbo cambie. Neste artigo de Abril pasado, dábase conta dunha interpelación do BNG para limitar a plantación de eucaliptos en Galicia que contou coa frontal oposición do Partido Popular. Hai que dicilo alto e claro, hai que insistir ata a toma de conciencia por parte de todos: ou reducimos á presenza do eucalipto cando menos un 50%, ou a economía galega, tan necesitada de crecemento eficiente da súa produción agraria, forestal e industrial, terá firmado a súa condena posiblemente definitiva.