Hai dous anos visitamos no seu domicilio ourensán ao doutor Carlos Guitián. Tiñamos mentes de facerlle unha entrevista. A súa saúde xa estaba quebrada e o resultado foi outro do previsto: apenas aproveitamos algunhas respostas, moi proveitosas, por certo, para aproximarmonos ao seu perfil biográfico
Carlos Guitián morreu con noventa e seis anos. A súa especialdidade médica foi a uroloxía. Moitos ourensáns recordan os seus acertados diagnósticos en tempos nos que a ciencia non acadara os graos de perfección que ten hoxe a expecialidade. Á consulta do doutor Guitián acudían pacientes dos pobos da provincia de Ourense, reenviados por médicos rurais con escasa formación para detectaren anomalías fisiolóxicas de difícil diagnóstico e tratamento, tal e como relata no seu libro “Enfermos pobres, médicos tristes”, o doutor Roberto Fernández Álvarez, cuxa lectura recomendo, ao persoal sanitario, pero tamén a todas as persoas que teñen interese pola historia da sanidade pública.
O doutor Carlos Guitián pertenceu por inclusión xeracional a unha élite médica que se deu en chamar Escola Médica Compostelana, constituída por catedráticos da Facultade de Medicina que tiñan consulta privada. Os pacientes con patoloxías severas incertas acudían con frecuencia á “Fonte Limpa”, que así denominaban popularmente os titulares daquelas clínicas privadas de médicos humanistas, avalados polos coñecementos científicos en conexión constante cos centros de investigación máis avanzados do mundo naqueles tempos.
“O doutor Carlos Guitián pertenceu por inclusión xeracional a unha élite médica que se deu en chamar Escola Médica Compostelana”
Carlos Guitián formou parte desa élite médica. O seu selo humanístico fundamentabase no coñecementos das peculiaridades propias e na idiosincrasia dos doentes galegos (“as enfermidades son iguais en todos os sitios do mundo, pero os doentes non”). De aí que o noso admirado doutor estivese involucrado en cantas iniciativas culturais tivesen como obxectivo a galeguización de Galicia.
Coñecíno na chamada “Misa de Rosalía” que un grupo de crentes galeguistas convocaban anualmente cada 25 de xullo. E como estamos a falar dun modo de resistencia perante un réxime negador das manifestación culturais de raíz galega, permítome lembrar que a primeira liturxia en lingua galega fora oficiada polo P. Seixas colaborando eu co oficiante na condición de monaguillo na efeméride patriótica de 1965. Alí estaba eu con quince anos. A xente que acudía á igrexa de San Domingos de Bonaval era numericamente pequena, pero cualitativamente de nivel intelectual elevado; os máis deles, sobreviventes da Xeración Nós, e cofundadores da restauración cultural de Galicia no franquismo. Non lembro quen foi, pero alguén dos presentes presentoume a Carlos Guitián como un máis “das novas xeracións de mozos que han continuar o noso labor”.
Pero foi outro 25 de xullo de 1969, cando a intervención policial dirixida polo axente da brigada social, Benito Nieto “O chepas”, a quen coñeciamos en Vigo, fora dunha contundencia desmedida por mor dunha voz que emitíu un “Viva Galicia Ceibe”. Lembro ao meu carón a Otero Pedrayo co caxato erguido pedíndolle inutilmente responsabilidade a aqueles policías desertores do arado indocumentados que repartían porrazos a eito, sen miramentos. Non esquezo a imaxe do escultor Camilo Nogueira, grande coma un castelo, caendo a rebullón polas escaleiras; outros intentaban fuxir en desbandada daquela desproporcionada agresividade policial. Deteñen a Xaime Isla Couto e isto motiva que Carlos Guitián alporizadamente dixera “non hai dereito”. A resposta do policía foi dicir “y Vd, también”, metendo os dous como sacos de patacas nun “Jeep”.
A Irmandade da Sanidade Galega, que é unha entidade que pretende galeguizar aos profesionais da sanidade, convoca para o próximo día 15 de xuño, en Ourense, dous actos: un, na Avda. da Habana onde vivíu Carlos Guitián, para descubrir unha placa de homenaxe a súa memoria; media hora despois, outro de índole académica no paraninfo do Instituto Otero Pedrayo, que contará coa presenza do Presidente do Parlamento de Galicia, para glosar as virtudes que adornaron o intelixente e modélico bo facer profesional do homenaxeado. No mesmo acto ingresarán na Irmandade da Sanidade Galega dezasete novos irmandiños e irmandiñas, médicos e demais profesionais do sistema sanitario galego- dispostos a secundaren o exemplo galeguizador de Carlos Guitián, coa idea de crear unha escola de galeguismo na sanidade pública.
Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.