Ourense | A Irmandade da Sanidade de Galicia (ISAGA) e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, organizaron unha emotiva homenaxe para lembrar ó doutor Carlos Guitián Rodíguez (1927-2024), quen faleceu o pasado mes de xaneiro na súa cidade de Ourense. Ao acto asistiu a súa familia, o doutor Peña Rey e Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, quen rendeu tributo a Guitián, “un profesional da Escola Médica Compostelá moi comprometido coa galeguización do sistema sanitario”.
O recordo a Guitián Rodríguez incluíu a descuberta dunha placa na casa que habitou na avenida da Habana de Ourense. Posteriormente, o Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo acolleu un acto no que se lembraron logros da súa carreira.
“No aspecto profesional foi un dos urólogos pioneiros na aplicación da resección transuretral endoscópica con intervención mínima, que logo se xeralizou na sanidade”. Na consulta atendía e cubría as receitas en galego.
Guitián implicouse en diversos movementos galeguistas militando primeiro no Partido Socialista Galego (PSG) e logo no BNG. Foi un dos fundadores da Asociación Cultural Auriense, que comezou a andar no ano 1967. Tamén é salientable o seu compromiso ecoloxista, posicionándose en contra de proxectos dunha celulosa en Barbantes e dun encoro no río Barbantiño. Nas fotos, o acto celebrado no Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo de Ourense.