Pontevedra | As obras de seguridade viaria na EP-2703 Pazos de Borbén-Ponteareas xa están en licitación por case 800.000 euros (789.520€). Os traballos desenvolveranse nun treito de 11,3 quilómetros dos 14,8 que ten esta estrada, ao seu paso por ambos concellos. Nesta actuación, financiada pola Deputación de Pontevedra, prevese abordar fundamentalmente a reposición do firme, a fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario e de mellorar a seguridade viaria. As empresas teñen ata o 12 de xullo para presentar as súas ofertas.
A reparación da estrada incluirá traballos de fresado e de reposición do firme, así como a mellora da drenaxe da calzada e a execución dunha cuneta tendida nun dos tramos, amais da instalación de sistemas de contención de vehículos (vallas de protección) para garantir a seguridade viaria. As obras completaranse coa renovación da sinalización horizontal.
Nesta estrada tense actuado xa mellorando a mobilidade peonil e reforzo do firme noutro tramo de máis de dous quilómetros, cun orzamento de 580.169€. Neste caso as obras incluíron accións de limpeza, roce e demolición e mellora da drenaxe. Tamén se realizaron movementos de terra e estruturas de contención necesarias para ampliar a sección así como a redistribución de espazos na calzada e a execución de disipadores de velocidade. Por último, creáronse espazos de convivencia e reinstaláronse os sinais do viario.
“Tras as Ameas” no Castelo do Sobroso
Trala súa estrea con música a semana pasada, o programa provincial Tras as Ameas propón para este martes 4 de xullo un obradoiro infantil no Castelo de Sobroso, na segunda das trece actividades que ofrece este verán este programa cultural e familiar da Deputación. Re-coñecendo o Castelo: Taller de Arquitectura, con todas as prazas xa esgotadas, é o título desta nova proposta que impartirá desde as 18 horas Taller Abierto e se enmarca nesta iniciativa que abrangue unha ampla e diversa oferta de actividades inspiradoras dirixidas a todos os públicos para vivir experiencias únicas nos castelos de Soutomaior e Sobroso.
En Re-coñecendo o Castelo: Taller de Arquitectura o grupo de nenas e nenos participantes, de entre 6 e 12 anos, coñecerán en Sobroso o valor patrimonial das fortalezas medievais da provincia de Pontevedra. A través dunha actividade entre o xogo e a plástica, reinterpretarase, de maneira creativa, a arquitectura do castelo tras un percorrido pola zona. A cativada deberá identificar as partes que conforman a edificación para recoñecer os elementos principais dunha tipoloxía arquitectónica defensiva. Os obxectivos da actividade céntranse en conectar ás nenas e nos coa súa contorna para que poidan valorar o patrimonio construído, amais de promover o coñecemento sobre o patrimonio da provincia. Amais, búscase espertar na rapazada o interese pola arquitectura e desenvolver o sentido da observación.
O colectivo Taller Abierto, que imparte a proposta, está formado fundamentalmente por dúas mulleres con formación en arquitectura que fundaron unha empresa de xestión cultural e talleres creativos en Pontevedra. Traballan con propostas específicas sobre a arte e a arquitectura, en relación coa contorna e a súa historia. Contan cunha ampla experiencia na realización de talleres e proxectos con nenas e nenos.
Tras as ameas arrancou o pasado 27 de xuño e inclúe ata o 29 de agosto un total de 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo divididas en cinco bloques: Noite no castelo (accións nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar); Nin príncipes nin princesas (contacontos); O teatro vén de visita (teatro de rúa); Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia). Amais deste obradoiro de arquitectura Re-coñecendo o Castelo de Taller Abierto, hai outras catro actividades que teñen as prazas esgotadas: o taller de natureza e creatividade Explorando a paisaxe tamén de Taller Abierto, o 6 de xullo no Castelo de Soutomaior; o espectáculo de maxia Rock ‘n’ magic do Mago Teto, o 20 de xullo en Soutomaior; As palabras perdidas de Inventi Teatro, o 27 de xullo en Soutomaior; e as actividades de circo Glamping de SU.MA., o 3 de agosto en Soutomaior.
Si quedan prazas dispoñibles para o obradoiro Frida da compañía A Cova das Letras, o 13 de xullo no castelo de Soutomaior; o espectáculo nocturno Caldo a cargo de María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandereta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) o 18 de xullo en Sobroso; o concerto Silforiña da compañía Golfiños o 1 de agosto en Sobroso; o concerto Paxaro amigo. Músicas para a paz de Mamá Cabra o 10 de agosto en Soutomaior; o espectáculo circense Nino & Mambrú de Nauta o 17 de agosto en Soutomaior; a actividade de maxia Superheroe de Fran Rei o 22 de agosto en Sobroso e, finalmente, o obradoiro Lingoreteira de Xarope Lulú en Sobroso.