A Guarda | Na Plataforma de contratación pública do Estado xa se pode consultar o procedemento de licitación das obras de mellora da mobilidade na Rúa Coruña da Guarda, unhas obras que contan cun importe de máis de 300,000 €.
A Fase I da mellora da mobilidade na Rúa Coruña da Guarda contempla unha mellora integral da accesibilidade, reordenando a rúa, gañando espazos para os peóns, mellorando a seguridade vial e aproveitando para realizar a renovación e mellora das redes de servizos coma saneamento ou telecomunicacións.
As obras realizaranse ao longo dun total de 205 m comprendidos entre o enlace coa rúa Ourense e número 15 da rúa Coruña
Entre as principais melloras que implica este proxecto para os veciños e veciñas da Guarda destaca a dotación dun percorrido peonil continuo e seguro, o incremento do ancho das beirarrúas gañando espazo para os peóns, eliminación de barreiras arquitectónicas para facilitar o tránsito e accesibilidade das persoas con mobilidade reducida ou a mellora dos pasos de peóns, tanto na pavimentación coma na visibilidade dos mesmos, incrementando deste xeito a seguridade viaria.
As obras de mellora da mobilidade na Rúa Coruña da Guarda tamén inclúen a renovación das redes de saneamento existente, cunha nova rede separativa, así coma a renovación da rede de abastecemento de auga e as canalizacións do alumeado público e telecomunicacións, instalación de novos puntos de luz, zonas axardinadas con rego automático, árbores e mobiliario urbano. Estímase que estes traballos prolongarase ao redor de 9 meses, nos cales se prevé o uso compartido de vehículos e obras cando sexa posible e itinerarios alternativos cando non sexa posible.
En palabras de Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, “esta é unha obra necesaria para todos os veciños e veciños da Guarda, nunha rúa que, despois das obras da Rúa Concepción Arenal, ten absorbido unha gran cantidade de tráfico urbano e que con esta actuación mellorará a seguridade vial e peonil, así coma a dotación de servizos.