A licitación os 20 postos do Mercado de Abastos de Tui

O prazo vence o 29 de maio para presentar propostas

Tui | O Concello de Tui vén de sacar a licitación os 20 postos do Mercado de Abastos por un período de 15 anos. As persoas interesadas dispoñen de 15 días naturais contados dende hoxe, é dicir até o 29 de maio, para presentar as súas propostas.

Dos 20 postos que saen a licitación 7 serán destinados a peixería, 3 a carnicería, 2 a froita e verdura, 2 a alimentación xeral, 2 a florería, 1 a alimentación e produtos conxelados, 1 a alimentación gourmet, 1 a panadería, e 1 a espazo gastronómico. A superficie dos mesmos oscila entre os 89,6 m2 do espazo gastronómico, e os 15,7 de dúas peixerías. O canón mínimo que deberán aboar as persoas adxudicatarias polos 15 anos de concesión será de 250 € por metro cadrado do posto. O pago poderase realizar anualmente aboando 1/15 do importe total.

No proxecto de concesión demanial para a explotación dos postos do Mercado Municipal de Abastos de Tui, onde se recollen as bases desta licitación, sinálase que o acondicionamento e equipamento dos postos será a cargo das persoas adxudicatarias.

Na presentación da documentación deberase xustificar a solvencia profesional acreditando unha experiencia de tres anos de forma continuada na actividade á que optan dende o 1 de xaneiro de 2010.

A presentación das propostas realizarase a través da Plataforma de Contratación do Sector Público até o 29 deste mes de maio, debendo as persoas licitadoras estár rexistradas nesta plataforma. A proposición presentada para tomar parte nesta licitación debe incluír a documentación administrativa requirida, unha memoria de actividade e obra e relación de equipamentos e a oferta económica.

Na memoria dispoñible Plataforma de Contratación do Sector Público pódense consultar as fichas de cada un dos 20 postos nos que se recolle un plano, a superficie, as instalacións e o uso. Recóllese asemade o modelo de declaración responsable e de proposición económica, así como as directrices de estilo para os postos.

O Mercado de Abastos está arestora sendo obxecto dunha obras de reforma que teñen, entre outros obxectivos, cumprir os requisitos para poder acadar o selo de “Mercado excelente”. A praza tudense está pechada a actividade comercial dende o pasado 6 de maio debido ao inicio da segunda fase das obras que van supor a modernización e actualización destas instalacións. O investimento que se está a realizar nesta reforma acada o 1,3 millóns de euros financiadas nun 80% con fondos europeos Next Generation.

I Marcha Ciclista polo Medio Ambiente
O domingo, 2 de xuño, terá lugar a I Marcha Ciclista polo Medio Ambiente organizada polo Concello de Tui. Esta actividade forma parte do programa, que se dará a coñecer en breve, que se desenvolverá con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente.

A I Marcha Ciclista polo Medio Ambiente sairá ás 11.30 h dende o Paseo da Corredoira para realizar un percorrido sinxelo pola Avenida da Concordia, rúa Loureiro, Veiga do Louro, Praia de Areeiros, Paseo Fluvial, nova Ponte sobre o río Louro, Comandancia Naval, e Paseo Fluvial. Será unha actividade festiva e popular que busca ao tempo concienciar sobre o cambio climático. Ao longo do percorrido contarase coa participación de Anxo Moure coa súa ciclo-biblioteca, e ao remate, ás 12.45 h no Paseo Fluvial, ofrecerá o contacontos “Pedaleando contos”.

As persoas interesadas deben inscribirse a través do formulario habilitado na web municipal tui.gal de forma gratuíta. Ao remate da marcha haberá un agasallo para todas e todos os participantes. A inscrición está aberta dende mañá mércores, 15 de maio, até as 23.30 h do xoves 30 de maio. Será obrigatorio levar casco, e as e os menores de idade deberán ir acompañados por unha persoa adulta. No desenvolvemento desta actividade o Concello de Tui conta coa colaboración do Club Ciclista Locos por las Bicis, da Policía Local e de Protección Civil de Tui.