As medas son para os veciños un adianto do pan; son a fartura para todo o ano, alí están os soños de toda a familia, van tamén os espertares coa primeira raiada do sol, para cavar no monte a estivada con só un chourizo para xantar metido nun anaco de pan de broa…
… por iso o pan é sagrado e non se pode tirar, amásase coa suor das frontes e coa auga da miseria, hai que comelo todo e non estragar nin unha faragulla, por iso tamén a malla é unha festa para os maiores, é a recolleita do froito de tantos traballos.”
Contan que fai moitos anos andaban construíndo unha catedral e o mestre arquitecto vendo como ían as obras, preguntáballe aos canteiros:
Acercouse ao primeiro e lle fixo unha pregunta: poderíame dicir que está facendo? “Xa ve, labrando unhas pedras para algunha columna, unha tras outra, sen poder nin erguer a cabeza”.
Achegouse logo a outro, repetíndolle a pregunta, recibindo unha resposta semellante: “cicelando unhas pedras para colocar nun piar”.
Do mesmo xeito, foi preguntando e todos lle respondían, explicándolle a tarefa que estaban a executar.
Xa desesperanzado, preguntoulle ao aprendiz encargado de limpar as ferramentas, o oficio máis humilde. O rapaz ergueuse e, mirando cara o ceo, contestoulle levantando as mans: “señor, aquí construiremos unha grande catedral!”
O mestre abrazouse ao aprendiz cos ollos cheos de bágoas, exclamando: “polo menos, un doume a resposta que tanto tempo levaba buscando”.
O pasado sábado, día 21 de agosto, tiven a sorte e a honra de participar na celebración da XXII Festa da Malla Tradicional en Codeseda, Lalín, e tamén ser testemuña da construción dunha auténtica catedral da nosa tradición, da loita valente, silenciosa e desinteresada de sesenta mulleres e homes, cada un desenvolvendo coa máxima dilixencia a tarefa encomendada polo director do Museo Casa do Patrón, Manuel Blanco Villar.
“O pasado sábado, día 21 de agosto, tiven a sorte e a honra de participar na celebración da XXII Festa da Malla Tradicional en Codeseda, Lalín, e tamén ser testemuña da construción dunha auténtica catedral da nosa tradición”
Sen buscar protagonismo algún, sen tratar de destacar en nada, dando cada un o mellor de sí mesmo, para que neste ano tan complicado se celebrara o evento, a única das grandes mallas de Galicia que foi capaz de manterse erguida, simulando a afouteza das árbores que morren de pé, malia aos dous tremendos anos que xa levamos do mortal inimigo da pandemia.
Non houbo público polas circunstancias de todos coñecidas, ou mellor dito o publico foi mundial, toda vez que o evento foi transmitido vía streaming por todas as redes sociais, difundida a través de dous programas de máxima audiencia da TVG, con conexións en directo e programas específicos, sendo seguida por moitos milleiros de persoas e outros tantos milleiros que a seguirán, saboreando os distintos vídeos encargados polo propio Museo, como Entidade promotora do evento, para difundila ao máximo nivel.
A este pequeno escribidor, como ao gran arquitecto lle agroman as bágoas nos ollos, lembrando o espírito comunitario deste gran traballo aquí e agora recreado, pero mantendo a súa máis profunda esencia, as facianas de satisfacción de todos os participantes, e que fixo o aprendiz, quero dicirvos que na Casa do Patrón están preservando a cultura de Galicia con maiúsculas: etnografía, tradición, conservación da paisaxe, memoria dos oficios ancentrais, xa desaparecidos…
Cun fondo sentimento de orgullo do noso, da loita a reo dos devanceiros, da herdanza do seu sacrificio, rendéndolle cada ano unha ofrenda e unha homenaxe.
Ou se alguén me pregunta que fixemos o pasado sábado en Codeseda direille fachendoso.
Estivemos construíndo a catedral dos sinxelos, a catedral do traballo, da honradez, da loita dunha familia que gardará a nosa cultura para as novas xeracións, aínda que eu só son o rapaciño que axuda a limpar as ferramentas, podo berrar ben forte:
“Que viva a malla de Codeseda, que viva a nosa cultura! Galicia vive en cada un dos seus fillos que loitan por ela, e a Casa do Patrón e un marabilloso exemplo de pasado, de presente e de futuro, na defensa do patrimonio de todos os galegos!”