Vigo | “As mulleres do Mar sodes un orgullo para Galicia”. Así se refiriu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ás integrantes da confraría da Pastoriza de Vilanova de Arousa, lideradas pola súa presidenta Obdulia Piñeiro Nogueira, ‘Dula’, quen recibiu este 20 de marzo o premio “Muller Salgada 2023”, un galardón que desde 2020 organiza a Deputación no marco do premio “Mulleres Salgadas” e que chegou este ano a súa terceira edición.
Nada en Vilanova de Arousa en 1967 e con máis de 34 anos de mariscadora, ‘Dula’ recibiu como premio a figura “Mar Peixeira” de Sargadelos. A mariscadora presentouse ás eleccións como patrona das confrarías unha iniciativa que, segundo Silva, ilustra a necesidade de aumentar a representatividade e o protagonismo das mulleres nas asociacións e entidades mariñeiras.
A presidenta da Deputación provincial aproveitou para reclamar a necesidade de creación dun Observatorio da Muller do Mar, iniciativa recentemente aprovada pola vía parlamentaria en Galicia e que a propia Consellería do Mar da Xunta de Galicia xa adiantou os trámites para a súa creación. Acompañada da súa familia, durante o seu discurso, ‘Dula’ agradeceu o labor das súas compañeiras, facendo mención especial a María José Vales, toda vez fixo un balance do seu labor profesional e incluso atreveuse a recitar un poema propio.
O acto celebrado na sé da Deputación en Vigo foi amenizado pola grupo folclórico de pandereiteiras “Cinco en Zocas“, proveniente de O Grove, que deleitaron aos presentes co seu repertorio de música tradicional galega. No evento tamén estivo presente a presidenta da Asociación “Mulleres Salgadas”, Dolores Gómez Ordóñez. O acto estivo conducido pola actriz, narradora oral e creadora escénica grovense Atenea García.