O Porriño | O Porriño viviu hoxe unha emotiva tarde coa praza Arquitecto Antonio Palacios ateigada de público, nenos e maiores, para vivir xuntos un dos momentos máis ilusionantes do ano, o acendido do alumbrado de Nadal. Centos de persoas congregáronse aos pés do Concello para recibir o Nadal, nun acto no que os usuarios e usuarias de Aceesca Asociación foron os protagonistas.
Laura, Rosa, Marcos, Ana, Samuel, Poli, Carlos, Paula, Eloy, Alfonso e Cus foron os encargados de premer o botón que iluminou a vila e deu inicio ao Nadal.
“Gustaríanos aproveitar este momento para trasladar os desexos das persoas con diversidade”, dixo Laura, “Igualdade, respecto, inclusión, non violencia, autodeterminación, accesibilidade universal, saúde e participación social. En definitiva, queremos unha sociedade diversa onde se respecten a todas as persoas sen ter en conta a súa raza, cor, procedencia, capacidades, orientación sexual etc”.
Entre os aplausos da xente Laura e os seus compañeiros e compañeiras desexaron a todos unhas felices festas e iniciaron a conta atrás xunto aos asistentes que finalizou co prendido das luces.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quixo agradecerlles que un ano máis aceptaran o convite do seu concello para dirixir este acto. “É unha honra contar con vós, ninguén mellor para traernos a ilusión, a maxia e a luz que nos lembra a nós e ao mundo o verdadeiramente importante destas datas: poder disfrutalas xuntos e a sorte de ternos os un aos outros”, apuntou o alcalde, “Desexo que o pasedes todas e todos moi ben e disfrutedes ao máximo destas festas”.
Bailes, animación, batallas de globos xigantes e chocolate quentiño con rosca para levar mellor o frío sumáronse ao inicio das festas na vila do Louro. E como non hai Nadal que se precie sen neve, dous grandes canóns de neve artificial sumáronse á celebración. Un momento moi especial que deu paso á música de Generación M e culminou ao son da gaita de Álvaro Costas e o seu espectáculo de música e luz, “Mitic. Christmas Family”.