Salceda de Caselas | A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación da programación de Nadal do Concello de Salceda de Caselas, que se estenderá ata o día 5 de xaneiro con máis de 30 actividades actividades centradas no público infantil, coa cuarta edición do Pequeno Circo de Nadal como prato forte e a volta de actividades tras a pandemia.
A presentación contou coa presenza de Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura, de Nelson Quinteiro, o director artístico do Pequeno Circo de Nadal e da Alcaldesa Verónica Tourón.
O Concelleiro de Cultura, Álex Rodríguez quixo resaltar a gran acollida do acto de acendido da iluminación de Nadal o pasado venres, onde centos de persoas acudiron á praza do Concello para poder ver o novo deseño da iluminación deste ano. A cuarta edición do Pequeno Circo de Nadal será sen dúbida o prato forte da programación, convertíndose xa nun festival referente na contorna, e que durante catro días fará as delicias do público máis xove e de toda a veciñanza.
Deste xeito, Nelson Quinteiro, o director artístico do Festival quixo incidir na gran envergadura que colleu o Festival, e que este ano incorpora unha cualidade solidaria coa participación da Fundación Theodora, que realiza visitas a nenos e nenas en máis de 50 hospitais.
Outra das novidades deste ano é a volta de citas cunha gran traxectoria, e que non se puideron realizar nos dous últimos anos debido á COVID19, como o Festival de Panxoliñas ou a Carreira Solidaria San Silvestre. Así, a programación comeza co Festival de Panxoliñas, que se celebrará este domingo e no que participarán as corais Vagalume de Oia, o Coro Cantemos de Salvaterra de Miño, a Coral Polifónica de Entenza e a Coral Polifónica Santa María de Salceda.
Ademais de volver citas importantes, tamén volven as actuacións ao Auditorio Municipal. O Festival de Panxoliñas é unha delas, pero tamén o tradicional Concerto da Banda de Música Cultural de Salceda, ou a Audición de Nadal da Escola de Música de Salceda. Tamén o Auditorio Municipal acollerá o día 21 o contacontos Fazula e o Ladrón de Paraugas, a través do FalaRedes.
Outra cita que sen dúbida atraerá a centos de persoas será a cuarta edición do Encontro de Ranchos Tradicionais, que cada unha das veces que se ven celebrando no municipio está a resultar de gran éxito, polo que se prevé que tamén nesta ocasión sexa un acto multitudinario.
O comercio local tamén é protagonista desta programación a través da Asociación de Comerciantes e Industriais ACISA. Así, os días 17 e 18 saerán á rúa nun Mercado de Nadal, e o día 30 de decembro, festexaremos o fin de ano dun xeito adiantado, polo que poida pasar.
A programación complétase con outras actividades, como a Papanoelada Moteira, o Festival da Asociación de Persoas Xubiladas e Pensionistas, a Visita do Apalpador ou o Concurso de Escaparates, Obradoiros Infantís e pecharase coa tradicional Cabalgata de Reis, que volve tamén ao seu formato habitual.
Álex Rodríguez, Concelleiro de Cultura: “Chega a época do Nadal, unha época chea de ilusión e pola que en Salceda apostamos forte nos últimos anos, convertíndonos así nun referente na programación cultural na contorna, incidindo no público infantil, principal protagonista destas festas”.
Verónica Tourón, Alcaldesa: “Presentamos unha programación completa para estas datas tan especiais, que vai dende cultura, deporte, infancia ou comercio, para que todas e todos poidamos volver a convivir na nosa vila e compartir a ilusión do Nadal”
Programación Nadal 2022/2023
Venres 2 de decembro
18:00 “A Bailar no Nadal” con Animar-t. Praza do Concello
19:00 Acendido alumeado Nadal. Praza do Concello
Mércores 7 de decembro
12.00 Presentación programación Nadal
Domingo 11 de decembro
17.00 Festival de Panxoliñas. Auditorio Municipal
Coral Polifónica Vagalume de Oia
Coral Polifónica de Entenza
Coro Cantemos de Salvaterra de Miño
Coral Polifónica Santa María de Salceda
Venres 16 de decembro
20.00 Audición de Nadal da Escola de Música de Salceda. Auditorio municipal
Sábado 17 de decembro
16.00 IV Encontro de Ranchos Tradicionais. Praza do Concello
Domingo 18 de decembro
– 15.30 Papanoelada Moteira. Praza do Concello
– 16.30 Festival da Asociación de Persoas Xubiladas e Pensionistas de Salceda. Praza de Abastos
– 19.30 Concerto de Nadal da Banda Cultural de Salceda de Caselas. Auditorio Municipal
Sábado 17 e domingo 18 de decembro
Mercado de Nadal. Rúa Joaquín Fernández Sestelo. Organiza ACISA.
Mércores 21 de decembro
18.00 Contacontos Fazula e o ladrón de paraugas. Auditorio Municipal
Xoves 22 e venres 23 de decembro
16.00-20.00 Obradoiro de Casiñas de Xenxibre. Auditorio Municipal
Inscrición previa na Casa da Cultura Castelao
Do luns 26 ao xoves 29 de decembro
IV Pequeno Circo de Nadal. Praza do Concello.
Venres 30 de decembro
– 21.30 X San Silvestre Solidaria
– 00.00 Pre Noitevella
Luns 2 de xaneiro
19.00 Visita do Apalpador. Praza do Concello
Xoves 5 de xaneiro
18.00 Cabalgata de Reis con saída na Praza da Devesa e chegada na Praza do Concello Outras actividades: IV Concurso de Escaparates de Nadal.