“A mellor escola é a que escoita aos nenos e ás nenas”

Isabel e Ángeles Abelleira | Premio de Pedagoxía "Marta Mata"

 

Isabel e Ángeles Abelleira son dúas docentes que traballan no concello de Ames. Ambas as dúas recibiron o premio de Pedagoxía Marta Mata da asociación catalana de mestres Rosa Sensat. O motivo foi o seu libro Os fíos de infantil. InnovArte Educación Infantil. Este traballo recolle parte das entradas do blog https://innovarteinfantil.wordpress.com/ onde reflicten ideas, lexislación e accións educativas nos seus ámbitos, primaria e infantil.

Recibistes o premio Marta Mata polo voso libro Os fíos de infantil. InnovArte Educación Infantil. Dicides que os dous recollen experiencias de vida. Podedes describir esas experiencias de vida?

Temos recibido o Premio de Pedagoxía Marta Mata da asociación catalá de mestres Rosa Sensat, un referente tanto a nivel iberoamericano como europeo. Unha grande parte da nosa autoformación profesional debémoslla ás lecturas que nacen en Rosa Sensat, entre outras a revista In-fan-cia. Preferimos falar de experiencias de vida, todo iso que xurde na aula e que vai collendo corpo a través das aprendizaxes que acadamos mentres mantemos o interese por saber diso. Por iso son experiencias de vida, coas que medramos como persoas, como cidadás ou como membros dun grupo.

Explicádeme cal foi o xermolo do blog. Que botabades en falta para sacar esta idea para adiante.

No ano 2009 volvemos á escola tras case dez anos fóra dela. Estivemos desenvolvendo outros labores relacionados coa formación do profesorado. Vimos que na escola entraran moitas cousas alleas como a sacralización das tecnoloxías ou a présa por introducir contidos non propios do currículo. Sempre dicimos que estivemos en estado de shock por tres meses, ata que en xaneiro de 2010 decidimos crear o blog InnovArte Educación Infantil. Escribimos cando cremos que algo precisa de poñerlle un zoom enriba e analizar polo miúdo os motivos polos que se fai, o que se pretende e o que en realidade se consegue.

Sobre Internet, á parte dos debates que se poidan ter sobre a súa influencia, como se podería aproveitar mellor para o terreo educativo infantil?

Aquí a resposta é contundente, non vemos a necesidade de contar coas tecnoloxías nas aulas de infantil, xa teñen dabondo fóra delas. Nestas idades o manipulativo, o xogo cos iguais e non cos adultos, a relación, mesmo o aburrimento, é clave. Os nenos pequenos precisan doutras cousas. Nas nosas aulas hai ordenadores pero nunca para xogar nin para entreter, senón para comunicarnos ou para buscar información sobre algo.

“O importante para nós, saír dos sendeiros consumistas nos que se converten as celebracións e vinculalos coa realidade facéndoos abrirse un pouco do egocentrismo propio destas idades,” isto en relación co Entroido. Pero, son os nenos tan egocéntricos?

O egocentrismo é unha das características definitorias destas idades, no sentido de que eles crense o centro do mundo, non son quen de ver polos ollos dos demais nin de poñerse na pel dos outros. Por iso queremos sacalos dese pequeno mundo, de abrirse aos demais.

Como deixarlles pegada aos nenos e nenas para que no futuro non caian no consumismo?

Calquera que teña contacto coa realidade, sabe que hai todo un mercado que ve a infancia como a súa diana e a escola ten que facer o posible para virar esta situación. Nós non podemos educar no consumismo. Isto ten que callar no día a día e nós, as persoas que os educamos, temos que ser os mellores exemplos.

A día de hoxe, como profesoras, cal é o erro máis grave que cometen as persoas implicadas na formación, tanto educativa como persoal, dos nenos e nenas?

Por unha banda hai unha puerilización dos pequenos e por outra unha adultización deles anticipándolles situacións non propias das súas idades nin dos seus intereses.

Poderíamos falar doutros riscos como o condicionados que están polas problemáticas adultas, da perigosa hipersexualización consentida por familias e escola.

Volvendo ao voso blog, recolle unha serie de temas, desde arte, lexislación, música, opinións persoais etc.Como é a resposta que vos dan a esta iniciativa vosa?

Para nós é un pulo continuo, mesmo cando son discrepantes porque nos obriga a reflexionar moito máis. Cando un se mostra é como se se espise en público, polo que hai que ter argumentos para xustificar o que facemos, mesmo para as críticas. Isto foi o máis enriquecedor destes anos.

Se tivesedes que resumir todo este traballo, á parte dos posts no libro, cales serían os puntos máis sinalados para vós?

Escribimos o libro porque tras sete anos escribindo o blog, decatámonos que había xente que nos seguía, pero non sabía cales son os principios que nós defendemos. Houbo un momento no que sentimos o pánico de que nos estabamos a converter nun produto de consumo máis. Por iso escribimos o libro, a mellor maneira de volver a recordar que é o que nos trouxo ata aquí.

Así no libro establecemos vinte puntos que teñen que estar presentes na práctica educativa infantil. Sen ter que ver coas tecnoloxías, emprendemento ou adobíos similares.

Como se sente na educación diaria dos nenos e nenas toda a marea de leis, reformas, idas e vidas sobre a educación?

O que sucede dentro das aulas pouco muda cos cambios lexislativos. Iso aféctalle aos aspectos máis burocráticos. Cando entras na aula cos teus rapaces, non hai lei que mude a túa maneira de facelo. É fundamental que na selección do profesorado e na súa formación os preparen para afrontar esas cinco horas. Os mestres cada vez sabemos máis de lexislación e menos de cultura, de vida e de ser persoas.

Cal é a mellor escola?

A mellor escola é a que escoita aos nenos e nenas, a que escoita ás familias, a que escoita á sociedade e en base a iso ten claro cal é o tipo de persoas que quere formar. Hai que ter moi claro en que sociedade nos gustaría vivir, que vivan os nosos fillos e educar para lograla.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.