Mondariz | Neste mes do libro que é abril, o Concello de Mondariz non se esqueceu doutras datas sinaladas do calendario e programou dúas actividades socioculturais sobre memoria histórica para os días 14 e 15 de abril.
Este venres, ás 18:00 horas, o debuxante galego Kiko da Silva, fundador da escola profesional de banda deseñada e ilustración O Garaxe Hermético, impartirá un obradoiro titulado “A memoria histórica en viñetas” na biblioteca municipal de Mondariz. Esta actividade, que é gratuíta e non require inscrición previa, está aberta a todos os públicos e celébrase xusto o 14 de abril, unha data marcada na historia de España e con enorme valor simbólico que merece reivindicación institucional nun Estado democrático como o noso.
O sábado, 15 de abril, está programada a representación da obra de teatro “A volta á provincia das misións pedagóxicas”, producida pola compañía galega Polo Correo do Vento, que a mediados de marzo xa visitou o concello co espectáculo teatral “Seminario de Estudos Galegos”.
Esta función teatral, que admite entrada libre e sen reserva ata completar a cabida do auditorio municipal, recupera a memoria das misións pedagóxicas e pon en valor a súa contribucións en materia de dereitos culturais.
As misións pedagóxicas, creadas en 1931 e desmanteladas ao rematar a guerra civil, foron un proxecto de solidariedade cultural apoiado polo Goberno da Segunda República Española a través do ministro de Instrución Pública e desde plataformas como o Museo Pedagóxico Nacional e a institución Libre de Ensinanza. Chegaron a reunir a centenares de persoas voluntarias de diverso orixe. Artistas e intelectuais do momento, como Antonio Machado, Pedro Salinas, María Zambrano, Alejandro Casona, Luis Cernuda, Rafael Dieste, Maruja Mallo,… participaron neste gran proxecto interdisciplinar que levou a lectura, o teatro, a música,… a todos os recunchos do país, incluído o rural galego.
Tanto o obradoiro de ilustración “A memoria histórica en viñetas” como o espectáculo teatral “A volta á provincia das misións pedagóxicas” forman parte do programa O Pasado por Vir da Deputación de Pontevedra.