A entidade advirte dos “difíciles retos” aos que se terá que enfrentar o novo titular da política lingüística da Xunta
A asociación en defensa do galego agarda do novo responsábel “a corrección institucional e a capacidade do diálogo de que careceu o seu antecesor”A asociación recorda que o recén nomeado xa viña colaborando coa Secretaría Xeral como coordinador dunha suposta Rede de Dinamización da Lingua Galega que mellor habería que denominar “Rede de Dinamitación da Lingua Galega”, pois o seu único resultado concreto foi polo de agora o feche de 16 servizos de normalización lingüística noutros tantos concellos.
A Mesa considera que o novo Secretario Xeral de Política Lingüística ten perante si importantísimos retos aos que debe dar resposta:
– Garantir que a Xunta de Galiza cumpra a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que foron froito no seu día da unanimidade parlamentaria e do consenso político e social.
– Refacer todo o desfeito desde que goberna Alberto Núñez Feijóo.
– Comportarse coa corrección institucional da que sempre careceu o seu antecesor, Anxo Lorenzo, e ter unha capacidade para escoitar e dialogar que, directamente, nunca existiu na última etapa da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A entidade que preside Carlos Callón precisa, porén, que vai facer falta “máis que a simple vontade persoal” de Valentín García para atender e dar cumprida resposta aos anteditos retos, toda vez que a Secretaría Xeral que vai dirixir non pasa de ser, no actual contexto, un simple “adorno institucional” sen case capacidade de incidencia económica nin política.