Lugo | A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o Presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez, acompañados dunha trintena de veciños e veciñas; presentaron este mércores, no Salón de Plenos da Casa Consistorial, a 21ª edición da Feira de San Isidro da Milagrosa, que acollerá o corazón deste barrio, a Praza da Milagrosa e as rúas Menorca e Divina Pastora, esta fin de semana, do 25 ao 27 de maio.
No acto de presentación, Méndez, quen definiu a Feira de San Isidro como unha “cita imprescindible para a sociedade lucense, que se vincula ademais cos produtos autóctonos do campo, que tan importante é para o municpio e para a provincia”; agradeceu o traballo diario, ao longo dos útlimos 20 anos do “capital humano da feira”, a veciñanza da Milagrosa, non só por organizar esta iniciativa, senón por “poñer en valor o que temos” e polo desenvolvemento social e económico da contorna e da cidade.
A rexedora desexoulle moito éxito á edición desta feira, que agarda que sexa a última vez que teña lugar na Praza da Milagrosa “tal e como a coñecemos a día de hoxe”, pois espera que a 22 edición desta cita se celebre nunha “zona disposta para os veciños e veciñas, nunha zona peatonalizada, con máis espazo de esparexemento e de lecer para convivir, pois a cidade tamén se fai nas rúas”, subliñou. “E así o cremos dende o Goberno, e por elo apostamos por recuper espazos para o seu uso públio, habilitando novas zonas de conexións social, tamén para potenciar este tipo de eventos”, concluíu. A aposta pola peonalización tamén se sumou Campos e Vázquez.
Pola súa banda, o Presidente da Deputación, que pregoará esta feira, subliñou que “dende a Deputación non dubidamos en colaborar un ano máis coa feira, pois trátase dun verdadeiro revulsivo e unha oportunidade para impulsar o comercio dos pequenos e medianos empresarios da provincia. Esta colaboración enmárcase no conxunto de iniciativas que temos en marcha coa Asociación de Veciños da Milagrosa coas que dinamizar económica e socialmente este barrio lugués ao longo do ano. Ademais do apoio económico, tamén destaca a nosa colaboración coas demostracións en vivo de olaría a través do CENTRAD. Así como con actuacións musicais de grupos folclóricos a través do programa Musiqueando. Quero agradecer aos organizadores que se tiveran acordado de min para ser o pregoeiro desta cita. É unha honra ser partícipe dunha celebración con tanta historia”.
80 expositores, música, exposicións ao vivo e degustacións
Jesús Vázquez, quen agradeceu a colaboración dos Gobernos do Concello e da Deputación con esta cita na que se reivindica o agro e artesanía, explicou os detalles desta nova edición da feira, que concentrará a uns 80 expositores e artesáns procedentes de Lugo, do resto da comunidade de Galicia, León e norte de Portugal. Na vixésimo primeira edición desta convocatoria, ademais de venda de produtos, tamén haberá degustacións gratuítas. Concretamente de hojaldre o venres, despois do pregón, cando se repartirán 500 unidades; de rosquillas o sábado, cun reparto estimado de 1.200 unidades, e o domingo, de chourizo á parrilla, estando previsto a distritución de 2.000 unidades. Esta cita, que naceu para render homenaxe ás orixes rurais dos e das residentes no barrio, tamén contempla actuacións musicais. Os actos tamén engloban a entrega dos galardóns José Carballido aos mellores 10 stands da feira.
Plan de tráfico por mor da cita
Para a celebración do evento, é preciso o corte do tráfico rodado da Praza da Milagrosa os devanditos días 25, 26 e 27 de maio, desviándose o tránsito de vehículos de rúa Mallorca e rúa Yañez Rebolo por rúa Milagrosa, en dirección á rúa Xulia Minguillón.
Para a montaxe e desmontaxe dos postos, os días 24 e 28, non se precisa corte de tráfico, pero sí a prohibición de estacionamento na carga e descarga e parcialmente da parada de taxis da Praza da Milagrosa.
Nas confluencias de Yañer Rebolo con Xulia Minguillón, e Rúa Mallorca con Avenida da Coruña, instalaranse carteis informando do corte da Praza da Milagrosa.
O corte afecta ás liñas dos autobuses urbanos do seguinte xeito:
O venres 25 e sábado 26, afecta ás liñas 1 (Campus Universitario-Piringalla), que desviará o seu percorrido por rúa San Isidro, e a 5 (A Campiña-Abella), que o fará por Tino Grandío e Lamas de Prado.
O domingo 27 verase afectada a liña 11E (Calde-Piringalla-Albeiros) que desviará o seu percorrido por rúa San Isidro.