Santiago de Compostela | O Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia fixou o 17 de abril como data e Santiago de Compostela a cidade para a celebración da Convención Nacional na que a militancia decidirá como concorrerá a formación galeguista nas vindeiras eleccións galegas.
Ademais, o Consello Político Nacional aprobou unha proposta de criterios programáticos para concorrer aos comicios galegos. Esta proposta será debatida polos militantes na convención e a partir de aí elaborarase a proposta programática para as eleccións galegas.
En declaracións aos medios, o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, destacou que, a diferencia doutras formacións políticas, “aquí será a propia afiliación a que decidirá mediante o seu voto como concorrerá Compromiso por Galicia ás vindeiras eleccións galegas”. “Na convención a militancia decidirao todo: como nos presentamos para as próximas eleccións e con que programa”, subliñou Bascuas.
“Besteiro non pode ser candidato á presidencia da Xunta”
Por outra parte, a preguntas dos xornalistas sobre a nova imputación xudicial do líder do PsdeG-PSOE, Xosé Manuel Gómez Besteiro, o secretario xeral de Compromiso por Galicia recalcou que “a posición de Compromiso é moi nidia: unha persoa que está sendo investigada xudicialmente non pode ser candidato á presidencia da Xunta de Galicia”.
Neste sentido, lembrou que “os homes e mulleres de Compromiso por Galicia non se poden presentar ás eleccións se están sendo investigados xudicialmente, e gustaríame que isto se estendera ás demais forzas políticas”