Pontevedra | A Deputación de Pontevedra vai celebrar as Letras Galegas deste ano dedicadas a Francisco Fernández del Riego con charlas, espectáculos de teatro e cociña, contadas, publicacións, obradoiros e exposicións que se desenvolverán durante todo o que queda de 2023. Así o anunciaron hoxe a presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua e Memoria Histórica, María Ortega, quen salientaron as moitas iniciativas para poñer en valor a lingua e a identidade do país e o compromiso político coa galeguidade do autor homenaxeado.
“Del Riego foi un militante pola nosa lingua”, subliñou a deputada Ortega, lembrando que ademais de ser unha das máis grandes figuras literarias da Galiza, cofundador da editorial Galaxia, e creador do Día das Letras Galegas, foi tamén unha das grandes figuras da resistencia e a revitalización cultural do galeguismo despois da guerra civil.
A nacionalista destacou que xa sendo estudante na USC avogou xa pola galeguización da universidade e a cooficialidade dos idiomas galego e castelán, e que foi sancionado co impedimento para exercer cargos públicos cunha multa de 3.000 pesetas por ser integrante do movemento estudantil, membro destacado do Partido Galeguista e propagandista na campaña pro Estatuto. Así mesmo, como deputada de Memoria Ortega lembrou que desempeñou un papel clave na vinculación entre o universo do exilio franquista e a Galiza do interior. “Á volta dunha visita á Arxentina detivérono na súa casa de Vigo, trasládano a Pontevedra, interrogárono e ingresárono no cárcere de A Parda como único preso político da prisión”, destacou.
Na mesma liña falou na presentación a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que celebrou a “programación moi potente” que vai desenvolver a institución provincial co gallo do Día das Letras Galegas. Con estas accións, asegurou, “imos presumir da nosa lingua e de tantas e tantos persoeiros que temos no noso país e que nos axudan a construírnos”.
Carmela Silva tamén sinalou que “falar do Día das Letras Galegas é tamén falar da nosa memoria histórica”, xa que Fernández del Riego, “que pertenceu ao Partido Galeguista e defendeu o noso Estatuto, foi perseguido polo seu compromiso político coa galeguidade”.
Do ‘pontífice do manxar’ ao ‘Rock para Paco del Riego’
Tras explicar todo o argumentario polo que Del Riego merece a celebración destas Letras Galegas de 2023, nas que se cumpre o 60 aniversario, a deputada de Lingua destacou as diferentes actividades e iniciativas que se desenvolverán ao longo do ano da man da Deputación.
A primeira será o sábado 13 de maio, ás 11.30 da mañá, cun acto aberto ao público (inscricións en lingua@depo.gal) no que, da man da editorial Galaxia, a docente e escritora Malores Villanueva realizará unha palestra sobre Del Riego. “Ninguén mellor ca ela, que pasou días e días ao seu carón para facer a súa tese doutoral, podería facer un percorrido pola súa vida e obra”, dixo Ortega.
A parte didáctica estará acompañada por outra gastronómica, posto que ‘Don Paco’, como adoitaba chamarlle a xente, “era un gran comellón”. De feito, a deputada María Ortega destacou que ata o seu amigo Otero Pedrayo lle dedicou o poema ‘Marcha Triunfal’ no que o cualificaba de ‘pontífice do manxar’ polo seu amor polo comer e o beber. “A difícil tarefa de facer unha demostración de cociña en vivo e un petisco que lle prestase a Del Riego encargámoslla a Rubén González, do Cafetín Pontevedra, galardoado con numerosos premios. El fará unha proposta gastronómica cos produtos favoritos de Del Riego –deixando a un lado a cebola como ingrediente, que parece ser que o autor detestaba”, explicou.
Neste evento repartirase unha copia dun artigo que un xovencísimo Del Riego –estudante de Dereito- escribiu no xornal ‘A Nosa Terra’ en 1932 titulado ‘Fiestra sobor da lingua galega’. O auto afirma nel, que “na lingua, seipano ou non os indiferentes, está o máis íntimo e san do noso esprito, fecundalo é laboura da nova Galicia, deixar desfaguerlo é o mesmo que se negar a si’.
Por outra banda, o luns 22 de maio desenvolverase outra actividade para rapazada de secundaria, un espectáculo teatral titulado ‘Un optimista radical’ de Serafín Marcos, quen dende 2003 realiza un labor divulgativo das persoas homenaxeadas nas Letras Galegas, teatralizando vidas e obras, neste caso de Francisco Fernández del Riego. A representación fai un percorrido ameno, didáctico e participativo pola vida e obra do autor, descubrindo a un incansable loitador pola cultura galega partindo do seu epistolario con Carvalho Calero no cárcere de Xaén.
Tamén para a xente nova, xunto a Polo Correo do Vento, a Deputación levará a 35 concellos entre o 15 de maio e o 31 de xullo un contacontos no que se fará unha viaxe pola biografía do homenaxeado. As contadas, destinadas a público familiar, incluirán unha parte de ilustración a cargo de Carlos Taboada, e outra musical, na que se interpretará o ‘Rock de Paco del Riego’. O luns día 8 ábrese o prazo de solicitude para os concellos interesados.
Tamén se editará unha publicación destinada á rapazada elaborada por ‘Polo Correo do Vento’ co título ‘O camiño andado das letras’, un proxecto para celebrar o 60 aniversario das Letras Galegas cun percorrido polas persoas autoras ás que se lle dedicou historicamente a data máis importante da literatura galega. Esta publicación recollerá as 60 fichas que dende o pasado Día de Rosalía se foron publicando na web provincial de maneira diaria dedicadas ás persoas homenaxeadas, con ilustracións, datos e, segundo explicou Quique Mauricio, cun comentario persoal de Del Riego sobre cada unha, xa ben porque as coñecera ou porque escribira sobre elas.
Así mesmo, a Deputación vén de facer a compra de diferentes títulos realizados sobre Francisco Fernández del Riego e realizará unha distribución entre as bibliotecas municipais e puntos de lectura de varias das obras, co fin de ampliar a dispoñibilidade da bibliografía a disposición de toda a cidadanía. Tamén están a disposición, lembrou María Ortega, máis de 400 referencias de e sobre o autor no buscador ATOPO do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación que se poden consultar ou levar en préstamo do Arquivo provincial.
Por último, froito da colaboración coa Fundación Penzol, o servizo de Cultura da Deputación programará obradoiros didácticos en centros educativos da provincia (tanto de Primaria como de Secundaria) para poñer en valor a figura de Fernández del Riego e o seu papel fundamental como valedor da cultura galega partindo dos fondos da fundación (literarios, epistolares, bibliográficos e artísticos), de cuxa biblioteca o autor fora director durante case medio século.
Ademais, xa cara a finais de ano, a Deputación e a Fundación organizarán unha exposición sobre o homenaxeado nas Letras Galegas que mesturará unha parte documental con fondos do autor e paneis informativos. A mostra estará dispoñible na sede de Vigo da Deputación aproveitando que foi a cidade onde pasou a maior parte da súa vida (e onde reside boa parte do seu legado) e tamén a súa condición de vigués distinguido.
Mural en Gondomar pola Violencia Zero
Tres rostros femininos, un cunha máscara na boca, outro cun anteface nos ollos e outro cuxo oído figura tapado, protagonizan o enorme mural que a artista Tamara Baz vén de pintar nun lateral do Campo de Fútbol das Cercas, en Gondomar, como nova proposta do programa provincial “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. A obra, que ocupa vinte metros de lonxitude, fala das diferentes formas de violencia machista que as mulleres seguen a padecer na actualidade pero, ao mesmo tempo, “é un chamamento no espazo público para que a xente se comprometa fronte as violencias que sufrimos”, como destacou hoxe a presidenta da Deputación. Xunto a Carmela Silva, visitaron hoxe o mural o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, amais da concelleira de Igualdade, Nuria Lameiro e persoal do CIM do Concello.
O mural, no que a artista traballou desde a pasada semana, presenta estes tres rostros femininos a modo dos san saru, os tres monos sabios xaponeses aos que a tradición atribúe o significado de “non ver, non oír, non dicir”. Como ten explicado Tamara Baz (Vigo, 1985), con eles busca condenar as diferentes formas de violencia machista: “Mulleres con máscara que teñen que mostrar unha cara que non é a real para poder estar aí, finxir un carácter autoritario, non empático, a modo do tópico masculino para poder acceder a postos de poder nas súas carreiras.
Ou polo contrario, hipersexualizadas como obxectos para alcanzar o éxito como tan a miúdo vemos nos medios. Mulleres ás que se lles tapa a boca, cuxo discurso é menosprezado por vir dunha muller. E a todas as que permanecen escondidas, en especial ás que están sufrindo violencia machista soas desde o silencio”. A creadora agradeceu poder participar no proxecto de “Mulleres en acción. Violencia Zero” e tamén o apoio que durante estes últimos días tivo da veciñanza que a veu traballar: “só recibín palabras bonitas”.
Carmela Silva lembrou tamén que “este mural representa a posición que as mulleres temos no mundo e ensina todas as discriminacións que podemos padecer e as dificultades de ocupar o noso espazo: ás veces, temos que disfrazarnos para poder ocupar os espazos de poder, outras, tápannos a boca para que non poidamos expresarnos ou nos ocultan”. Pero tamén, como quixo destacar, “é un chamamento á forza das mulleres; eses ollos falan sos e chámannos a actuar e rachar coas violencias e discriminacións que padecemos”. A presidenta provincial lamentou que co recoñecemento onte dun novo asasinato machista en Cádiz son xa 14 as mulleres vítimas este ano “de asasinatos crueis”, amais de lembrar á menor asasinada este ano e aos orfos e orfas que deixa tras de si esta violencia. “De novo temos que dicir basta xa –lamentou-. Estamos fartas e esperamos que estas accións sirvan para que nos levantemos toda a sociedade e poñamos freo a unha situación que realmente é dramática, que as mulleres sexan asinadas, vítimas de agresións sexuais ou de tantas violencias só polo feito de ter nacido mulleres”.
Pola súa banda, o alcalde Francisco Ferreira, felicitou á artista polo seu traballo “e pola realidade que plasma, esa mirada forte destas tres mulleres que ninguén vai ser capaz de non pararse a contemplar para saber e ter claro a realidade dunha sociedade inxusta, na que temos que seguir loitando moito para que sexa realmente igualitaria”.
Destacou que este tipo de accións supoñen “xestos e actos que van calando na sociedade e nos máis pequenos e pequenas para ese cambio” e que “se nas administracións non estamos convencidos e convencidas de que hai que pelexar porque a igualdade sexa unha realidade, nunca avanzaremos. Estes xestos e esta impronta deben quedar no territorio, ao paso de calquera veciño e veciña, para que nunca esquezan de onde vimos e a onde temos que chegar, a esa igualdade real pola que loitamos”.
O programa provincial “Mulleres en Acción. Violencia Zero” está a celebrar este ano a súa oitava edición baixo o lema “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas”. Programáronse 25 novas accións noutros tantos concellos da provincia con 35 artistas participantes que realizan performance, danza, música, teatro, murais, poesía e audiovisuais para concienciar á sociedade sobre as violencias machistas. Nesta edición, a institución recuperou a precursoras do programa, para xerar alianzas entre elas ou con novas colaboradoras, ideando xuntas pezas inéditas. Xa se celebraron accións en Pontevedra, Vigo, Barro, Arbo, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove, Nigrán e Mos e, tras esta de Gondomar, as vindeiras serán en Oia, Baiona, O Rosal, Cambados, Marín, Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.