Ponteareas | O restaurante O Parrulo foi o escenario dun almorzo informativo no que o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, acompañado da Alcaldesa de Ponteareas e deputada provincial de Turismo, Nava Castro, ofreceu o Balance 2024 do ente provincial no que se realizaron “investimentos de 23 millóns de euros en 15 Concellos” da provincia.
O encontro en Ponteareas é o primeiro “dunha ducia que se realizarán ao longo da provincia”, segundo asegurou López, non sen antes eloxiar o labor da súa anfitriona “nos quince meses que leva ao fronte do goberno municipal” ata converter a Ponteareas “nun referente provincial”.
López realizou un repaso sobre as principais actividades desenvolvidas durante este ano en base a catro eixes prioritarios: o Plan +Provincia (no que prometeu un novo orzamento récord para 2025); o primeiro Plan de Investimentos en Infraestruturas deportivas; o PON2030; e o Plan en Infraestruturas.
No balance detallou os investimentos realizados nos Concellos do Condado-Paradanta ao que se engade Salceda de Caselas, explicando que os criterios de reparto das axudas están establecidos en torno á poboación e extensión xeográfica “cun monto inicial fixo para cada Concello establecido en 75.000€”. Adiantou que para o vindeiro ano se impulsará unha iniciativa de Reto Demográfico dentro do plan +Provincia orientado a paliar o envellecemento e perda de poboación. Informou así que están levando a cabo unha política de “discriminación positiva” en 39 dos 61 Concellos da provincia que afrontan este problema demográfico.
Neste balance, López asegurou que a súa relación “cos Alcaldes e Alcaldesas da provincia é magnífica e excepcional, independentemente da súa cor política”. Non obstante, pediu “un maior consenso co goberno central” en temas específicos de gran importancia para o desenvolvemento da provincia como son as bonificacións para a AP-9 cuxos peaxes considerou como “inadmisibles”; as conexións ferroviarias do AVE Vigo-Porto e a Saída Sur; o Estatuto para o Traballador Transfronteirizo; e o Dragado do Río Miño, vital polos seus recursos pesqueiros.
“López pediu un maior consenso co goberno central en temas específicos como a AP-9, o AVE Vigo-Porto e o Dragado do Río Miño”
En materia turística enfatizou na marca Rías Baixas a través da súa promoción “do Atlántico ao Interior” da provincia grazas á iniciativa “61 Rías Baixas”. Tamén informou da promoción da Vía Mariana e do Camiño do Taberneiro, transitado dende xaneiro pasado por unas 178 persoas, segundo indicou Nava Castro.
A cooperación transfronteiriza, a mobilidade entre os Concellos enfatizando na promoción da rede de cercanías ferroviarias e a promoción do galego con 100.000€ de incremento na partida orzamentaria foron outros dos temas abordados neste balance da presidencia provincial.
Outras iniciativas analizadas neste balance foro Cultureae con 53 entidades culturais; +Música en apoio a seis entidades veciñais; e +Aqua para doce comunidades de auga.