Ponteareas | Concelleiros por un día e cidadáns para o presente e o futuro foi o obxectivo das concellerías de Ensino e de Mocidade que dirixen Cristina Fernández e Verónica Carrera, respectivamente, cando decidiron que o alumnado dos centros educativos pontareáns de Primaria e Secundaria foran parte activa da política local.
Convencidas de que a infancia e a mocidade importan moito e de que a cidade debe ter en conta as súas necesidades, as concelleiras convocaron a todos os centros educativos para que crearan grupos de opinión en cada centro escolar. Estes grupos analizaron a actualidade do concello para redactar propostas que logo levaron á sesión plenaria mediante dous representantes por centro, que presidíu o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.
Os alumnos e alumnas traballaron durante este trimestre facendo un exercizo de análise, de participación, de selección e de aportación de ideas e solucións que logo foron defendidas nesta extraordinaria sesión plenaria.
Moi ao tanto do que pasa no concello coincidiron en dar un papel relevante a asuntos nos que xa traballa o goberno local como as paradas dos autobuses, o saneamento, a protección do río, a seguridade viaria, a posta en valor do patrimonio e outras moitas cuestións que xa figuran na axenda dos concelleiros e concelleiras do goberno. Un feito que reflexa que goberno e cidadanía procuran un mesmo futuro para Ponteareas: unha cidade máis amable, respecto e protección da natureza, a prioridade das persoas fronte ao tráfico e espazos nos que compartir inquedanzas.
“Alégranos escoitar propostas tan sensatas e que amosan unha implicación no coidado dos bens comunitarios, sobre todo da natureza. Escoitar as demandas da mocidade é escoitar Ponteareas: Hábitat Saudable. Eles precisan boa parte das medidas que recolle a nosa estratexia”, explica o Alcalde.
Os membros do goberno presentes no pleno respostaron a cada unha das cuestións plantexadas e daquelas nas que aínda non están a traballar tomaron boa nota para convertilas en feitos.
Pola súa parte as concelleiras amosan a súa satisfacción polo bo traballo realizado e adiantan que este é un primeiro paso para a creación do consello da infancia e da mocidade co que este goberno pretende traballar para recoller información real das necesidades e demandas desta poboación.
Neste senso houbo unanimidade para continuar con este proceso de participación
O bacharelato de Artes, espazos nos que reunirse para o seu tempo de lecer, a renovación da equipación infomática da biblioteca e mellora do sinal wifi foron outras das cuestións solicitadas polo alumnado e que xa están en marcha. Concretamente o Alcalde adiantoulles que xa está pechada a cesión de seis metros cadrados no edificio de Granitos, a mellora da wifi na biblioteca e a adquisición de novos equipamentos informáticos tamén para a biblioteca dentro das actuacións da estratexia europea, entre outros moitos proxectos que se están a licitar nestes intres.