Ponteareas | Dende este venres 21 pola mañá a praza Bugallal (máis coñecida como praza da Igrexa) en Ponteareas acollerá a instalación dun váter de case 3 metros construído enteiramente con arame e as toalliñas que un grupo de mozos e mozas da vila recolleron durante estes meses no río Tea.
A escultura estará complementada cun gran rolo de papel hixiénico no que poderá lerse a contundente mensaxe “Esta é a mellor forma de limpar o cu”. A rapazada voluntaria repartirá ese mesmo día entre a veciñanza rolos de papel hixiénico reciclado acompañados desta mesma frase.
Esta acción que poderíamos definir como comunicación de guerrilla, foi ideada por un grupo de mozos e mozas a través do proxecto europeo ‘People & Planet: un destino común’ impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración do Concello de Ponteareas. A idea é concienciar á xuventude sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable.
O punto de partida da instalación foi a participación desta rapazada en varios obradoiros previos impartidos pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) onde aprenderon non so as peculiaridades que usa a comunicación de guerrilla, senón tamén a temática a tratar: a auga como un dereito humano fundamental e a crise climática global.
Nestas sesións tamén comezaron a imaxinar a acción que hoxe podemos ver na praza do Concello. A idea principal era dar a entender á veciñanza que as toalliñas que botan no váter, lonxe de biodegradarse, van parar ao rio Tea. Sábeno de boa tinta, xa que moitos deles forman parte tamén do grupo de voluntariado ambiental do Concello e levan meses limpando o río e atopándose con centos destas toalliñas húmidas. Aínda que moitas veces no seu embalaxe figura que son biodegradables, realmente non o son ( ou tardan centos de anos en descompoñerse) e rematan moitas veces “adornando” as arbores e os ramallos da contorna do río, e xerando un problema medio ambiental importante.
Cando os participantes do Obradoiro de comunicación de guerrilla tiveron claro a problemática que querían traballar e como facelo, contactaron co colectivo artístico Excolectivo, que foron os que lle deron forma á escultura do váter xigante que poderá verse durante unhas semanas na praza da vila. Xunto cos artistas, os mozos e mozas adicarán toda a mañá do venres a enchelo cos centos de toalliñas húmidas que recolleron.
A iniciativa #PeopleAndPlanet que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global.
Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.