A mostra “O colaxe na literatura ourensá” en homenaxe a Curros Enríquez, Otero Pedrayo, Valente e Méndez Ferrín

O artista Baldomero Moreiras expón na Biblioteca Nós de Ourense ata o 31 de outubro

Ourense | Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe, na Biblioteca Nós, a exposición do artista Baldomero Moreiras O colaxe na literatura ourensá na que puxo en valor a sinerxía que se establece entre a arte e a literatura a través da homenaxe a catro grandes autores da provincia.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o tributo que Baldomero Moreiras fai nesta mostra a Manuel Curros Enríquez, Ramón Otero Pedrayo, José Ángel Valente e Xosé Luís Méndez Ferrín. Durante o percorrido tamén destacou o traballo de Moreiras nas artes plásticas e convidou á cidadanía a achegarse ata a Biblioteca Nós para “gozar da nosa cultura e literatura no mesmo espazo”.

Na exposición, que se poderá visitar ata o 21 de outubro, amósanse os retratos de Valente e Méndez Ferrín por primeira vez. Ademais, o artista, natural de Celanova, recompila unha serie de obra que non foron preconcibidas para amosarse conxuntamente e que están feitas coa técnica do colaxe que emprega papeis recortados, pintados e pegados.

Baldomero Moreiras (Celanova, 29 de xaneiro de 1955), estudou Artes e Oficios e o Bacharelato superior en Ourense. Máis tarde especializouse na técnica do gravado en Madrid, e posteriormente diplomouse no Campo Internacional de Música e Pintura de Mijas. Realizou as súas primeiras exposicións desde 1975, na galería Souto de Vigo, no Museo Arqueolóxico de Ourense ou outra no Mosteiro de Celanova na década dos 80.