A música volve ser protagonista no verán en Pontevedra


Redacción/Mateo GORO | Desde o SonRías Baixas ata o Portamérica, pasando por festivais gratuitos como o Rock in Río Tea ou o Surfing the Lérez, a provincia de Pontevedra énchese cada verán de ofertas para as miles de persoas que se achegan a desfrutar da música en directo, sexa cal sexa o xénero. Ademais, os grupos galegos teñen unha importante presencia nos seus carteis.

Nesta segunda metade de xullo contaremos co xa mencionado Portamérica, en Caldas de Reis, onde poderemos desfrutar de Deluxe, Ortiga ou Grande Amore; así como co Atlantic Fest, que levará a Vilagarcía de Arousa a artistas nacionais como Leiva, Sidonie ou La Bien Querida, entre outros.

En agosto será quenda do SonRías Baixas, que encherá Bueu coa música de Santa Salut, Queralt Lahoz ou Macaco, e onde volveremos a ter a Ortiga e Grande Amore. E cara ao final do mes temos o Río Verbena Fest, na capital da provincia, onde Dellafuente dará a súa única actuación en Galicia, Vetusta Morla traerá o mellor do indie nacional e Xoel López será o gran representante da música galega, xunto a The Rapants ou Galician Army.