Natural de Tui, viguesa de adopción e agora asentándose coa súa familia na parroquia de San Pedro de Filgueira (Crecente), Inma Comesaña está impulsando un proxecto rural de casiñas turísticas, así como proxecto de vida, aspecto polo que foi recoñecida recentemente pola GDR Condado Paradanta.
Estiveches entre as persoas recoñecidas pola GDR Condado Paradanta en materia de emprendemento rural. Hoxe levas adiante este proxecto de cabañas en Crecente. Que nos podes comentar deste proxecto?
O proxecto o levamos adiante o meu marido mais eu; tíñamos moitos anos pensando e con ganas de facelo. Coñecíamos a zona de Filgueira e encantounos un lugar concreto para levalo a cabo. O proxecto está aínda en construción e ten que estar acabado a finais deste ano. Van ser catro casiñas, tres para dúas persoas e unha para catro, integradas nun entorno de bosque autóctono, sen vivendas ao redor e a uns 200 metros do río Miño, moi perto de Cortegada, no límite entre Pontevedra e Ourense e moi ben comunicado.
É un entorno natural marabilloso e pouco explotado; a nosa idea é un ecoturismo sostible, pouco invasivo e respectuoso co entorno e o medio ambiente. Xa temos bastante adiantadas as tres primeiras casiñas, cada unha coa súa propia personalidade. Esa singularidade, ese atractivo ten que ver co entorno natural aí existente.
Que potencialidades en turismo rural lle ves ao Condado Paradanta?
Sobre turismo en Galicia a maior parte das persoas pensan nas costas e o interior está un pouco máis esquecido. Así, esa zona en Crecente é pouco coñecida pero máis tranquila e virxe. Está pensado para a xente que busca desconectar, saír da aglomeración, centrarse no entorno natural. Iso é o que ofrece esa zona e o que ofrecemos co noso proxecto.
Cómo tiveches coñecemento da GDR Condado Paradanta?
A través dun amigo que móvese neses entornos. O proxecto o tíñamos en mente antes de coñecer o que é a GDR. Sabíamos que había ese tipo de fondos pero descoñecíamos cómo se contactaba. Unha vez feito o contacto entramos na convocatoria dos orzamentos LEADER 2014-2020 prorrogados ata 2023 que o GDR destiña para eses proxectos. Obtendo o primeiro posto na adxudicación. Son fondos europeos para desenvolvemento rural.
“No Condado Paradanta estase creando unha asociación de empresario do sector turístico como hostalería, axencias de viaxes, gastronómico ou vitivinícola, para desenvolver este tipo de proxectos de xeodestino e dar a coñecer a zona”
Cómo pensas facer a difusión comunicativa do teu proxecto? Mais de cara a Portugal, Galicia, España?
Si, incluso tamén de cara ao exterior. Gústanos moito viaxar e coñecemos os gustos turísticos da xente e, sobre todo despois da pandemia, notamos que búscase moita tranquilidade, espazos abertos para desfrutar. O proxecto préstase precisamente para o benestar persoal. No Condado Paradanta estase creando unha asociación de empresario do sector turístico como hostalería, axencias de viaxes, gastronómico ou vitivinícola, para desenvolver este tipo de proxectos de xeodestino e dar a coñecer a zona.
Tes outras iniciativas en mente?
Pensamos que este proxecto o podemos ampliar; no futuro estamos vendo a posibilidade de rehabilitación doutras casas antigas que están na propiedade para incluílas no noso proxecto.
Este recoñecemento realza o protagonismo emprendedor das mulleres no mundo rural. Con anterioridade tiñas coñecemento de casos similares na zona que cres deberían ser igualmente tomados en conta?
Non a través de coñecemento persoal pero si en canto ás tendencias que vimos estaban abríndose nese campo de emprendemento rural. E obviamente son iniciativas que apoio completamente.