Hai temas que dan voltas na cabeza, que todos os anos acontecen. Vén aí o día de celebrarnos na Nosa Lingua. Nosa e de nós. Lingua de todo o ano e todos os anos. Anque a min particularmente me indigna moito, no medio destas consoladoras festas que evidencian as ausencias.
Achégase o día das Letras Galegas, e eu tiña gañas de contalo. Pasou o ano pasado polas mesmas datas e que me obriga a presenciar a infamia e a vergoña de ter que roer día a día os insultos á Nosa Cultura e á Lingua. Non, xa non digo no día dos Premios Mestre Mateo, en que todas e todos, nos pinchos posteriores -salvo raras excepcións, dignas de ter en conta, poucas- falaban en castelán, esquecendo a Lingua que lles concedía a honra do día. Si, fóra de micros e cámaras todos son multilingües, en preferencias foráneas. Vergoña, moita vergoña, mesmo daquelas premiadas que ocultaron na emoción o finximento, e venderon a dignidade pola mención, prato de lentellas. Non quixera citar aquí de novo as conversas nos corredores do edificio da tele e da radio, o ano pasado, daquela pouca consideración e rigor que nos habita e debera distinguir! Non quero citar a ninguén, pero hai aínda hoxe, pasados os moitos anos de existencia, presentadores/as que seguen a empregar tempos compostos e outra faltas básicas para exercer no labor de comunicadoras e de exemplaridade da dignidade colectiva, que se fai patente na débeda que temos co idioma, único en propiedade, enteiramente noso. Sucede porque só falan de cara á cámara, e cústalles un mundo interpretar o Noso Mundo, Galiza. Non caeron aínda na conta da ofensa que transmiten a cambio da tenrura con quen lles paga a nómina que é precisamente este idioma, nós. Este signo imborrable, acento orixinal de procedencia, nós. Este que nos define, orgullo e dor, causa de ser, razón de existir e de amor. Mais o colmo da cuestión non acaba aí, nin nos oficinistas que se resisten a ter condescendencia -tan só de educación e respecto- cos que se achegan falándolles galego, nas administración da Xunta.
Para nada está na miña intención meterme con ningún idioma, nin sequera ridiculizar a ninguén, sei perfectamente que os idiomas non teñen culpa, mais si a teñen as persoas que os empregan e adoptan intencións suíñas e pérfidas. En todo caso, volvo polo meu. Estou na casa e quero o meu antes que nada, cá ningún. Sobre todo porque estamos en perda de falantes e desprotexidos, nunha lei desequilibrada e inxusta que confunde o deber co poder. Seino ben, vivo no rural e vexo como morre a xente, como se baleira a aldea e cada vez quedamos menos no exercicio decidido dese amor á Lingua, onde se agochou tanto tempo. Semella que cómpre destruír a Casa, esa que dá posesión e dominio.
Por riba, os políticos, que cobran puntualmente, que fixeron pola Lingua? Negáronse a todo, esqueceron xa, non consideran a honra de ser? Pois parece que non e pasan a outras cousas. Tiveron que vir os da ONU -hai xa un tempo- detectar vulneracións dos dereitos lingüísticos en Galiza, poñelos de manifesto. Como poden falar outros temas sen defender este, o que supón a primeira dignidade de calquera pobo ou nación, o rango definitivo de respecto e orgullo, de pertenza? Eles, desde alá lonxe, deberan ver e denuncian iniciativas -que semellan boas- mais non son implementadoras de forma efectiva e moito menos afectiva. Xs galegofalantes non podemos facer uso da Nosa Lingua, nin tratar coas autoridades públicas a pesar da aparencia. Fernand de Varennes, relator da ONU, insta ao Estado Español a garantir compromisos e dereitos lingüísticos que nos asisten, só no papel. Mesmo, engade, deben ser promovidos con firmeza na Xustiza, Ensino e nas competencias todas. Insta tamén a revisar e conducir a proporción da docencia da lingua minorizada e dispor de recursos axeitados para acadar ese obxectivo.
A pesar das celebracións consoladoras de todos os anos, a pesar dos deturpados premios Mestre Mateo de tanta aparencia, eu quero vida para a Nosa Lingua, para nós. Soberanía e dignidade!