Na súa segunda etapa como Alcaldesa, Loli Castiñeira (Movemento Salceda) amosase satisfeita coa xestión dun equipo de goberno “formado, cohesionado e escollido por min” e que conta agora cunha maior experiencia política.
Volve a ser Alcaldesa, agora gobernando en minoría. Entre a súa primeira etapa e a actual, nota algunha diferenza, algún cambio significativo?
Cambios sempre hai, e mais cando se cambia o equipo. A primeira etapa foi moi positiva, foi de cohesión posto que o equipo non se coñecía e ademais formábamos goberno co PSOE. Foi unha etapa tamén de aprendizaxe, de colaboración e de ser solidarios cos compañeiros e compañeiras que chegaban por primeira vez á política. Esta nova etapa é un equipo escollido por min, cohesionado e con persoas formadas. Polo tanto estou moi contenta e orgullosa dos meus compañeiros e compañeiras porque están facendo un traballo estupendo e que, no caso de Selene (González Luis) e de Marcos (Troncoso Estévez), xa teñen agora unha bagaxe de experiencia política máis importante.
Hai algunha prioridade, algún “proxecto estrela” para esta nova lexislatura?
Sen dúbida o “proxecto estrela” é o saneamento. Durante toda a precampaña e con anterioridade, porque nos gusta estar cerca da xente visitando as parroquias, nos dimos conta que a gran demanda era o saneamento. Estamos traballando arreo para que diferentes partidas económicas sexan destinadas a elo e pronto comezaremos co saneamento da Presa, unha urbanización da parroquia de Parderrubias e estamos negociando coa Confederación Hidrográfica o posible saneamento das parroquias de Soutelo e Entenza que carecen deste servizo.
“A situación económica do Concello é de serenidade”
Recentemente o goberno municipal declarou ter un remanente de 1,4M€ en tesourería. Significa isto que o Concello está economicamente saneado?
Este xoves (29 de agosto) hai un pleno ordinario onde aprobaremos un REC (Recoñecemento Extraxudicial de Crédito) de 806.551€. Pagando esas facturas faremos o pago completo das que están pendentes de 2023 e tamén as facturas pendentes de crédito ata maio de 2024. Polo tanto a situación económica do Concello é serena; gostaríame que fose mais boiante pero neste momento é de serenidade.
Iniciativas como o Servizo de Atención Temperá (SAT), a atención ás parroquias, entre outras, dan a entender que a política social é unha sinal de identidade deste goberno?
Sen dúbida e ademais é algo do que presumimos. Falaba antes da compañeira Selene, unha persoa que ademais de Socioloxía fixo precisamente estudos de Servizos Sociais; polo tanto a aposta é clara. Neste pouco mais de ano de lexislatura estamos impulsando un Servizo de Escolas de Familia, algo moi demandado; vemos de asinar un novo convenio do SAT co Concello das Neves que será aprobado en pleno municipal; o III Programa de Igualdade tamén colaborando coas Neves e con Salvaterra de Miño. Seguimos mantendo o gabinete de psicoloxía, cunha persoa adicada á logopedia e pedagoxía; un gabinete exclusivo que sempre presumo é único na comarca xa que é difícil ter este servizo nun Concello que ten 5M€ de orzamento e unha poboación tan reducida, 9.500 persoas aproximadamente neste momento. Seguimos tamén mantendo e incrementando servizos como Xantar na Casa e o de Camas Articuladas.
Salceda forma parte da área metropolitana de Vigo. O municipio está aumentando demograficamente a tal punto que estase convertendo nunha especie de “cidade dormitorio” de Vigo. Isto implica impulsar unha política definida en materia de vivendas. Como está o Concello acometendo esta realidade?
Con respecto á área metropolitana temos dúas grandes carencias: a primeira, que non é competencia nosa, é o transporte, totalmente deficitario en Salceda e nos Concellos da área e que a Xunta de Galicia non pón solución a este problema. Dende Salceda e dos Concellos que forman parte da GDR Condado Paradanta presentamos alegacións e propostas a este Plan de Transporte que non foron recollidas. Esta iniciativa permitiría unha mobilidade xusta e equilibrada de cara á cidade de Vigo e os diferentes Concellos; é unha pena que fora rexeitada porque se algo me traslada a min a veciñanza é precisamente a carencia dese transporte.
A outra das grandes carencias é a vivenda, que tampouco é competencia deste Concello, pero mesmo así temos a responsabilidade e traballamos arreo para elo. Unha vez aprobada a primeira parte do PERI, fai dous meses e medio aprobamos a segunda parte que nos permite ter moitos metros cadrados para vivenda social. Remitimos esta aprobación do PERI e a solicitude de vivenda social á nova Conselleira María Martínez (Vivenda e Planificación de Infraestruturas); solicitamos unha reunión para ofrecerlle terreos gratuítos para a construción de vivenda social que non só necesitan aquelas economías máis reducidas senón tamén a nosa xuventude.
“Con respecto á área metropolitana temos dúas grandes carencias: o transporte e a vivenda”
A Zona Franca a través da PLISAN están expandindo chan industrial. Está isto repercutindo en Salceda en materia de investimentos económicos e de creación de emprego?
A Xunta acaba de aprobarnos unha subvención para un obradoiro de emprego por case medio millón de euros. Tamén levamos dous programas integrais de emprego, un deles xa aprobado na lexislatura anterior. A aposta polo emprego é clara; de feito en Salceda é moi pouca a xente desempregada. Incluso cústanos buscar persoal para este tipo de programas. O último dato que teño sobre o desemprego en Salceda é do 2,5%, un índice moi baixo.
A GDR Condado Paradanta, da que Salceda vén de integrarse. Cómo observa esta iniciativa en materia de promoción turística e valorización do territorio?
É un posicionamento estratéxico interesante. Creo que é un acerto a agrupación de 10 Concellos do Condado Paradanta no que está tamén incluído Salceda de Caselas para a defensa e promoción do territorio. O noso Concello está traballando nunha axenda enoturística que poña en valor os Callos, precisamente agora coa Festa dos Callos (1 de setembro); que valorice o noso viño a través dunha ruta que estamos poñendo en marcha. Fai pouco puxemos tamén o treito de running, unha ruta que forme parte de todo o Condado Paradanta e que polo de agora só pasa por Salceda, Ponteareas e Mondariz. En definitiva o GDR é un lugar ideal para pór en valor o noso territorio de maneira conxunta.