Cadernos da viaxe.
Un mando policial que desenvolveu até hai moi pouco tarefas de coordinación da seguranza pública nun Corpo de Policía autonómico referíame hai poucos meses que as necesidades da seguridade cidadá estaban a evoluir substancialmente tanto no cuantitativo como no cualitativo e que a planificación e resposta a estas necesidades tiñan de se radicar na proximidade. Para este experto cada país, cada territorio, habería prever e avaliar as súas necesidades. E, por suposto, non entendía como Galicia abortara o desenvolvemento da súa Policía despois de creala por lei no 2007.
Un policía nacional con destino na sala do 091 na Coruña denunciaba hai poucos días nun xornal galego a moi curta dotación policial na Coruña e, en xeral, na Galicia toda. “A Dirección Xeral da Policía non ten en conta a Galicia”, afirmaba. Seica precísanse na cidade 100 policías máis e só se van dotar unhas 20 prazas. Con 12.900 delictos no 2022 a cidade herculina rexistra un 21,18% máis ca Vitoria-Gasteiz, capital de Euskadi (atendida de xeito integral em todas as súas necesidades pola Ertzaina), que porén, ten 9.000 habitantes.
No profesional, esta desatención tradúcese na case imposibilidade de que os funcionarios policiais galegos poidan desenvolver a sua carreira profesional no seu país durante bastantes anos. A mesma inxustiza profesional que sofren os funcionarios da Unidade adscrita á Xunta, privados da estabilidade que lles daría a integración na Policía de Galicia que determinou a Lei que creou o Corpo e segue incumprida.
Tamén o noso tránsito rodado e a seguridade pública no rural e urbano teñen necesidades que non están a ser cobertas, malia a moi acaída competencia profesional dos funcionarios da Garda Civil en Galicia, por certo galegos na súa meirande parte. Mais a estrutura centralista e militar opera no tránsito un modelo recadatorio, no que Galicia é un teto no que chuchar.
Segundo dados de 2015 e 2016 a Garda Civil de Tráfico impón 170.000 multas máis no noso País a respecto da media estatal, pois que impón 147 multas por cada 1.000 habitantes na Galicia e só 85 multas/1000 habitantes nos outros 13 territorios do Estado onde operou neses anos. Como acaídamente ven de escrebir o antigo deputado estatal do BNG Francisco Rodríguez esa estrutura centralista e militar non é allea a que os casos de corrupción precisamente abrollen no ámbito dos seus altos cargos militares. É evidente que a probada calidade técnica e profesional dos gardas civís galegos gañaría en eficacia e eficiencia de se integrar nunha Policía civil e democrática, baixo mando da Xunta de Galicia.
“É hora de facer realidade a Policía galega”
Pois logo xa é hora de atender dende nós propios a nosa seguranza. É hora de incorporarmos á axenda do galeguismo político a prioridade da seguridade pública. É hora de facer realidade a Policía galega.