É pertinente concentrar a atención no XX Congreso do Partido Comunista Chino (PCCh) que comezou este 16 de outubro e que durante unha semana trazará as liñas estratéxicas do xigante asiático. China está modelando un rumbo autónomo para acometer os retos, hexemónicos ou non, deste século XXI.
“A diferenza, por exemplo, da Rusia de Putin, China fuxe de personalismos políticos”
A receta non é precisamente o fomento dun ‘novo culto á personalidade’, neste caso en mans de Xi Jinping (no poder desde 2012), por moito que gran parte dos medios occidentais así queran interpretalo. A diferenza, por exemplo, da Rusia de Putin, China fuxe de personalismos políticos. Ao mando está un PCCh cuxa lexitimidade é incuestionable para guiar os destinos do país asiático.
O tránsito é netamente institucional, definido por un Partido fortalecido e unha economía en expansión, a pesares das recentes expectativas de ralentización económica e a busca de independencia tecnolóxica. Nin Xi nin ningún outro dirixente chinés ten, por tanto, capacidade para alterar un status quo fortemente institucionalizado en mans dun PCCh que non desdeña aprender das leccións históricas. O “maoísmo” é cousa do pasado pero iso non significa necesariamente “denuncialo”, “desacreditalo” ou destruír un legado igualmente tormentoso en custes humanos. Nun exercicio de símil histórico, este XX Congreso do PCCh é, por tanto, claramente diferente do que sucedeu coas denuncias de Nikita Kruschev contra o estalinismo durante o XX Congreso do Partido Comunista da URSS en 1956.
É certo que Xi rompeu barreiras neste XX Congreso asegurando unha nova reelección (a terceira) que o catapulta para superar o histórico liderado de Mao tse Tung en canto á perdurabilidade no poder. Pero a China “de Xi” ten outras características. A súa estrutura de poder é unha simbiose inalterable de nacionalismo “post-moderno” e dun “socialismo con pecularidades chinesas” que non tivo problemas en adoptar un sistema de economía de mercado, sorte de “capitalismo de Estado” baixo o control do Partido único.
Un sistema autónomo dificilmente exportable pero que, nas últimas tres décadas, ten permitido a case 800 millóns de chineses saír da pobreza, crear unha boiante clase media e colocar a China como o principal desafío económico a nivel global para a supremacía estadounidense. Todo isto sen descoñecer que este aumento da riqueza tamén procreou desigualdades socioeconómicas e incluso xeográficas dentro do territorio chinés.
“As reformas que virán son internas, calculadas e controladas polo PCCh”
Un sistema que, con non menos contradicións, permite á dirixencia chinesa acometer os novos retos que supón un mundo cambiante, sen as ‘molestias’ propias dos contrapesos de poder que se observan nas democracias liberais occidentais. Por tanto, non haberá ‘Primavera‘ chinesa nin democracia á occidental. A sociedade chinesa aparentemente non o demanda. As reformas que virán son internas, calculadas e controladas polo PCCh. Non é por tanto baladí que, na inauguración do XX Congreso, Xi precisamente apelara a construír un “país socialista moderno”.
Na recente presentación da Estratexia de Seguridade Nacional, o presidente estadounidense Joseph Biden afirmou que “estamos na década decisiva”. Cualificou a Rusia de “ameaza actual” e a China de “reto xeopolítico” con “capacidade para remodelar a orde internacional”. Biden sabe que EEUU xógase a súa hexemonía nas turbulentas augas do sueste asiático e de Asia Oriental, máis aínda que na defensa dunha Europa que volve a ver a Rusia como o inimigo.
A prioridade para Washington está en manter en pe a Taiwán e trazar alianzas xeopolíticas rexionais (AUSKUS con Australia e Gran Bretaña; alianzas estratéxicas con Xapón, Corea do Sur) como ferramentas que impliquen asegurar os seus imperativos, que non son outros que conter e reducir a capacidade de influencia de Beijing.
Neste tránsito, hoxe marcado polo retorno do militarismo e dos “falcóns” a tenor da guerra ucraína, Washington debe igualmente observar con atención a dinámica dun Xapón revisionista, onde o nacionalismo nipón de tan malos recordos históricos en Asia (principalmente en China) volve a aparecer en escena.
“A ‘década decisiva’ de Biden ten a mente claramente posta na China que están confeccionando Xi e o PCCh neste XX Congreso”
Deste xeito, a “década decisiva” de Biden ten a mente claramente posta na China que están confeccionando Xi e o PCCh neste XX Congreso. Aquí estén trazándose as sinais que definirán a política global para o resto do século XXI.