Ourense | A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que a posta en servizo da nova estación de autobuses de Ourense “abre o tempo da intermodalidade en Galicia”, grazas a un investimento da Xunta de 9 millóns de euros. A conselleira supervisou o inicio da actividade dos servizos de transporte público por estrada desde a nova terminal de autobuses, onde aínda continuarán os traballos de execución do aparcadoiro subterráneo, de urbanización e de integración na contorna.
Ourense convértese hoxe, dixo, na primeira cidade galega na que os viaxeiros poden transbordar entre o autobús e o tren de forma directa, “en 30 segundos”, sen desprazarse pola urbe e “sen subir sequera unhas escaleiras mecánicas”, dispoñendo dunha “intermodalidade plena”, ao mesmo nivel e nun mesmo emprazamento, entre o ferrocarril e o autocar. Así, subliñou, “a de Ourense é a máis intermodal de todas as intermodais galegas”.
A nova estación de autobuses de Ourense, con máis de 7.300 m², 16 dársenas para autocares e un edificio de viaxeiros de máis de 700 m², ponse en servizo coa previsión de albergar case 80.000 expedicións e 400.000 viaxeiros ao ano. Nas súas instalacións operará un total de 102 liñas de autobús autonómicas e outras 10 nacionais e internacionais.
Ethel Vázquez lembrou que a Xunta, o Concello de Ourense e o Goberno de España asinaron no ano 2016 un acordo de colaboración para impulsar conxuntamente “a mellor estación intermodal” para a cidade. A ese respecto, a conselleira puxo en valor o traballo da Administración autonómica por cumprir os seus compromisos coa cidade, coa execución da nova estación de autobuses integrada na terminal ferroviaria.
Ademais, destacou que o Goberno galego achega preto do 65% do financiamento do novo aparcadoiro que está a executar Adif, que porá máis de 300 prazas de estacionamento ao servizo do barrio da Ponte e que, a pesar do retraso se agarda que estea rematado en primavera.
Así mesmo, a conselleira referiuse á sensibilidade da Xunta ao adaptar o proxecto para reforzar a independencia da estación de autobuses fronte ao centro de saúde e para garantir que a afección a esa infraestrutura sanitaria sexa aínda menor que a que xeraba o establecemento comercial que existía antes na zona.
Avanzou que en adiante continuarán os traballos da nova praza da estación que completarán a reordenación da zona e a instalación dunha fonte ornamental que resaltará o carácter termal da cidade de Ourense.
Todos estes elementos supoñen un investimento da Xunta de 9 millóns de euros na estación intermodal de Ourense, cofinanciada con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.