A elección de Alberto Núñez Feijóo co 98,5% dos votos como novo presidente do Partido Popular de España no XX Congreso celebrado en Sevilla este 1 e 2 de abril dominou as portadas dos principais diarios galegos e españois, salientando na “nova era” que se abre tralo turbulento final da etapa de Pablo Casado ao fronte dos “populares”.
“Nova etapa”; “fame de cambio”; e “vimos a gañar” son as frases máis significativas que se repiten nos titulares dos principais medios galegos sobre a elección de Feijóo como novo presidente do PP español.
La Voz de Galicia reproduciu as expectativas de Feijóo no seu discurso como presidente: “Saímos a gañar, hai fame de cambio en España“. Toda vez augurou que “o cambio comezou”, Feijóo tamén deixou aberta a liña de diálogo co goberno de Pedro Sánchez a partir de “pactos de Estado” con clara vocación “constitucionalista”.
Pola súa banda, Faro de Vigo enfocouse no “núcleo duro do PPdeG” que se encamiñará nesta nova etapa con Feijóo ao fronte do PP español. Nomes como Diego Calvo, Rueda, Baltar, Conde, Candia, Romay e Ana Pastor serán frecuentes nesta nova etapa. Mesmo tratamento reflectiu El Progreso ao titular que “o núcleo duro de Feijóo pón acento galego á nova etapa do PP”.
A elección de Feijóo provocou o xúbilo na súa natal localidade ourensá dos Peares, tal e como publican El Progreso e La Región.
Pola súa banda, El Correo Gallego decidiu enfocarse no frío saúdo entre Ayuso e Casado durante o XX Congreso de Sevilla.
Xa a nivel estatal, ABC analizou o novo período “Feijóo, cara A Moncloa dende a periferia“, con especial atención nos equilibrios internos que manexará Feijóo neste novo PP, con especial incidencia no pacto con Juanma Moreno, presidente de Andalucía.
En eldiario.es observamos o enfoque nos chamamentos á “unidade” por parte de Feijóo e a intención de eliminar “a revancha e o rancor”, toda vez deu a entender as razóns da súa aposta por presidir o PP español: “Se teño que deixar Galicia non é para presentarme a un xogo”.
El País concentrouse nas enquisas para medir o pulso do novo PP con Feijóo, onde os “populares” frean levemente a súa caída neste novo marco de expectativas con Feijóo.
Finalmente, El Mundo analizou o peso de Feijóo, o “urbanita-aldeano que logrou un poder interno que nin Fraga soñou e que uniu a Rajoy e Aznar”.
Este diario tamén prestou atención ao discurso da parlamentaria ucraína Yelyzaveta Yasko, quen debeu fuxir de Ucraína vía Hungría e estivo presente no XX Congreso de Sevilla para advertir sobre os perigos da guerra.
Finalmente, Público reflectiu o reclamo a Feijóo por parte dos líderes do PP europeo para combater “o populismo e os extremos“, facendo fincapé no pacto con Vox en Castela e León.