Baiona | O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, na súa teima de achegar a memoria á xente moza, presentou hoxe en Baiona a segunda entrega da súa colección de bandas deseñadas sobre historias de represión franquista e resistencia na provincia de Pontevedra. E fíxoo dando a coñecer a novela gráfica titulada ‘As 9 cruces’, unha homenaxe aos 9 miñoráns asasinados na Bombardeira un día como o de mañá en 1936.
A efeméride deste sábado serviu como motivo para a presentación realizada no Multiusos de Sabarís, que contou coa presenza da deputada de Memoria Histórica María Ortega, Xosé Lois Vilar en representación do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), o coordinador da BD e responsable da escola O Garaxe Hermético Kiko Da Silva, e Fernando Llor, guionista da peza.
Ortega subliñou que a Deputación quere traballar sempre con novos formatos (dixitais e non físicos) para achegarse á xente moza, motivo polo que a BD darase a coñecer por entregas nas redes sociais provinciais e de O Garaxe Hermético, así como en arquivos.depo.gal. Tamén destacou que haberá unha publicación recompilatoria que reunirá os 9 capítulos, que se editará a finais de ano, e se entregará en centros de ensino e bibliotecas municipais.
Segundo apuntou a deputada na presentación “había querenza” por difundir a historia da Volta dos 9 porque non só reflicte a traxedia da represión, se non tamén a resistencia que mantivo o pobo negándose a esquecer as afrentas pintando as nove cruces en memoria das persoas asasinadas sobre o chan de Baredo durante todo o franquismo.
“Este aceno non foi un aceno menor: ese claro compromiso coa memoria das vítimas, no tempo de terror, podía supoñer un grave risco para quen o realizaba. E por iso, logo, na democracia, converteuse nun dos símbolos de memoria máis potentes de Galiza. Con este novo traballo para divulgala o que queremos é volver a deixar patente, unha vez máis, o noso propio compromiso coa memoria”, dixo a nacionalista.
Ortega salientou tamén o esforzo realizado por colectivos como o IEM, co que colabora permanentemente a Deputación, para darlle tamén visibilidade ás vítimas da Volta menos recoñecidas: as viúvas e as descendencias que ficaron orfas. “Desde o departamento sempre primamos a memoria con perspectiva de país, clase e xénero e esa é a senda que segue tamén o IEM. Coincidimos tamén na necesidade de non falar só do drama, se non tamén das ideas, da sociedade que querían construír persoas como os Ineses”, insistiu.
Recuperar os feitos e as consecuencias
A presentación deste venres 14 contou co acompañamento musical de Sheila Patricia, que interpretou varios temas relacionados coa memoria histórica, como ‘Manolo mío’, peza que interpreta no disco documental ‘Acorda’ da Deputación de Pontevedra.
Na xornada tamén tomou a palabra o coordinador da BD Kiko Da Silva en nome das e dos ilustradores que participaron no traballo colaborativo: Fonso Barreiro, Zaida Novoa, Pablo Prado, Damián Gómez Figueiras, Andrés Chinchilla, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Mara Méndez, Daniel Corrada, Jorge Fernández, Álex Rozazos e Miriam Iglesias.
Da Silva subliñou o escaso tempo no que se fixo un traballo de grande calidade e salientou a importancia da aposta da Deputación pola banda deseñada para contar historias como as da memoria de maneira eficaz. Destacou que existe un público máis conectado ás redes sociais que á realidade e indicou que ese feito obriga a cambiar as formas de difusión.
Tamén apuntou que o feito de levar a memoria histórica de Galiza ás redes ocupará un espazo que non se toca acotío no mundo dixital, polo que haberá xente que descubra os feitos que sucederon na Bombardeira por vez primeira. “Probablemente vexan a escultura que está en Baredo pero non investigan, non saben máis. Nas redes atoparan a realidade”, dixo.
Pola súa banda o guionista Fernando Llor salientou a necesidade de recuperar historias como a da Volta dos 9 e de darse conta “do agochado” que hai detrás, as consecuencias que sufriron as familias tras os asasinatos. Subliñou que á hora de enfrontarse á escrita a dureza de reflexar os feitos foi especialmente difícil, “sobre todo pola crueldade total da Garda Civil na actuación”. Asegurou que fixo o traballo dende unha perspectiva persoal xa que, apuntou, o seu avó foi chamado a filas e posteriormente levado a un campo de concentración en Mallorca.
Xosé Lois Vilar (IEM), pola súa banda, fixo unha contextualización histórica dos feitos. Lembrou que ‘As 9 cruces’ conta a historia do acontecido un día como o 15 de outubro do 36 cando un cabo da Garda Civil e un grupo de falanxistas fusilaron a sete mariñeiros, un labrego e un ferreiro (José Rodríguez González, O Pelonio; Manuel Aballe Domínguez, CHolo; Modesto Fernández Rodríguez, O Rei Chiquito; Elías Alejandro Gonda Alonso, O Ghonda; Manuel Barbosa Durán, o ferreiro do Burgo; Fidel Leyenda Rodríguez, o tío Félix; Francisco Manuel Lijó Pérez, O Lijó; Felicísimo Antonio Pérez Pérez; e Generoso Valverde, ao que chamaban Largo Caballero). Todos eles, dixo, eran grandes defensores da República e foron abatidos por estaren sindicados para mellorar os seus dereitos, igual que uns días antes foran asasinados ‘Os Ineses’ pola súa vinculación coa Sociedade Obreira de Sabarís.