Co fin de fomentar a creatividade e a participación xuvenil a prol do galego, un ano máis a OMIX de Tomiño vén de convocar un concurso de deseño de camisetas de cara á celebración do Día das Letras Galegas deste ano.
O deseño terá que estar relacionado coa lingua galega pero é libre e aberto, deixando marxe para a creatividade, no que se valorará o seu atractivo e a súa inspiración no fomento, normalización e posta en valor do idioma. Terá que estar pensado para ser colocado na parte dianteira da camiseta, que será de cor branca, e debe estar realizado soamente cunha cor como máximo.
Todas as persoas participantes serán agasalladas cunha camiseta do modelo gañador e a persoa autora do deseño escollido recibirá un exemplar do libro da antoloxía poética de Xela Arias, a escritora homenaxeada este ano, dous CDs de artistas musicais galegas, bolsas de tea e a difusión nas redes sociais e nos diferentes medios do seu deseño.
As propostas teñen que ser enviadas ao correo electrónico omix@tomino.gal antes da data límite, o vindeiro 7 de maio ás 12 horas.
Bolsas de tea con ditos populares
Ademais do concurso de deseño de camisetas, desde a OMIX tamén están animando á veciñanza a comentar nas súas redes sociais frases e ditos populares en galego. Proximamente farase unha votación popular e aquelas frases que reciban máis apoio serán estampadas en bolsas de tea que se repartirán de balde durante o mes de maio.