Tomiño | No marco da habitual programación formativa que desenvolve a OMIX de Tomiño, a oficina municipal vén de facer pública a súa oferta de cursos para o mes de abril, no que estarán dispoñibles catro obradoiros sobre distintas temáticas.
Curso online “Cómo elaborar un CV innovador”
Unha cuestión fundamental á hora de atopar traballo é ter unha boa carta de presentación que nos faga destacar, e para isto é importante aproveitar todas as ferramentas que os novos medios nos ofrecen. No curso abordaranse conceptos e eidos coma o portfolio, o blog profesional ou a tarxeta de visita a través de códigos QR, entre outros.
Terá unha duración de 20 horas e un prezo de 15 euros. As datas nas que se impartirá irán desde o 13 ao 26 de abril, de luns a venres en horarios de 19:00 a 21:00 horas. Vai dirixido especialmente a persoas desempregadas, estudantes en xeral e a todas as persoas que queiran mellorar as súas posibilidades de atopar traballo.
Obradoiro online: Linkedin
As redes sociais poden ser unha forma excelente para atopar emprego e LinkedIn é o mellor exemplo diso. O Curso pretende mostrar as transformacións xeradas polas novas tecnoloxías no ámbito empresarial e laboral e as novas formas de relacionarse e comunicarse neste ámbito en internet, ensinando as bases para comprender o funcionamento da plataforma e as distintas estratexias que existen para acadar o éxito profesional.
O curso será impartido por Raúl Ordóñez, especialista en márketing e estratexia online con máis de 20 anos de experiencia no sector. Director de Sherpa Cultura Digital dende onde guían a empresas e profesionais a adaptarse con éxito ao cambio tecnolóxico e colaborador habitual con diferentes universidades coma a USC, Universidade de Jaén e diferentes escolas de negocios e finanzas.
Impartirase do 12 ao 15 de abril en horario de luns a xoves en horario de 16:00 a 18:00 horas e está dirixido a todas as persoas interesadas entre os 16 e os 35 anos (se quedan prazas libres poderán facer o curso as maiores de 35). Terá un prezo de 15 euros.
Curso de Aplicacións de Google: GOOGLE DOCS ONLINE
O manexo das aplicacións de procesamento de textos e xestión de documentos tense tornado fundamental nos últimos tempos e desde a OMIX ofrecen agora a oportunidade de introducirse ao manexo de Google Docs Online. O curso será en modalidade ONLINE con clases gravadas en vídeo e dispoñibles nunha web con formato de academia online, con vídeos explicativos, documentos PDF e nalgúns casos enlaces a webs. Haberá titorías de luns a venres por correo electrónico. O horario é libre: cadaquén escolle cando realizar a formación malia que o curso terá unha data de inicio e remate (comezará o 19 de abril e rematará un mes despois). Terá un prezo de 10 euros.
Curso de francés online nivel medio
Os participantes deste curso terán a oportunidade de seguir ampliando os seus coñecementos sobre o idioma e a cultura francesa de xeito ameno e, sobre todo, práctico, da man dunha filóloga nativa. O curso terá 20 horas de duración, comezará o 21 de abril, e terá lugar todos os mércores de 20:00 a 22:00 horas. Impartirase de xeito online e terá un prezo de 10 euros.
As persoas interesadas poderán inscribirse a través dos formularios dispoñibles na web municipal. Para máis información pódese contactar coa oficina municipal a través do correo omix@tomino.gal.