Monforte de Lemos | José Tomé, alcalde de Monforte, e Manuel Martínez Pan, delegado territorial da ONCE en Galicia, deron a coñecer o deseño do cupón que a Organización Nacional de Ciegos Españoles adica á romaría do San Mateo e que saiu a venta hoxe mesmo, cunha tirada de 5 millóns de cupóns para toda España.
A Romaría de San Mateo ten lugar cada ano o 21 de setembro e trátase dunha festa popular que conta cada ano con milleiros de participantes. “Con motivo desta celebración”, explicou o alcalde “a ONCE e Concello de Monforte traballamos no deseño dun cupón dedicado a esta romaría de San Mateo, que se sorteará o vindeiro martes, 20 de setembro de 2022, un día antes da celebración de dito evento”.
No deseño do cupón, a protagonista é a imaxe do santo da igrexa da parroquia de Santa María de A Parte, a cal pertence a Diocese de Lugo. Xunto a ela, tamén foi incluído o escudo do Concello de Monforte. “Neste senso, teño que agradecer a esta Diocese, e en concreto, ó delegado episcopal de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico, José Antonio Ferreiro Varela, que nos facilitara os permisos necesarios para poder realizar a fotografía que protagoniza este cupón”, sinalou José Tomé. “Tamén agradecemos as facilidades dadas polo párroco desta parroquia, José Luis Vázquez Coego, á hora de levar a cabo a sesión fotográfica”.
Promoción
José Tomé reiterou o “agradecemento á ONCE por render homenaxe a unha das nosas romarías máis senlleiras e dala a coñecer en toda España a través deste cupón. E desexar que o sorteo toque en Monforte, porque iso xa sería unha noticia que nos enchería de alegría”.
Pola súa banda, o delegado territorial da ONCE en Galicia agradeceu ó alcalde “a acollida en Monforte deste proxecto e que favorecera o deseño deste cupón”. “A ONCE, engadiu Manuel Martínez, “súmase á promoción e á posta en valor do patrimonio cultural e da tradición dunha romaría tan relevante como o é a romaría de San Mateo”.
O cupón é “a mellor tarxeta de presentación social” da ONCE xa que leva “máis de 80 anos, dende 1938, xerando a través del oportunidades de vida para persoas con discapacidade. O cupón é símbolo de inclusión”.