A Coruña | A plataforma de participación CONSUL, na que o Concello da Coruña desenvolve o seu programa de Orzamentos Participativos, vén de recibir o Premio ao Servizo Público 2018 da Organización das Nacións Unidas (ONU), concretamente, na categoría ‘Facer que as institución sexas inclusivas e garantan a participación na toma de decisións’, na que se presentaron un total de 111 candidatas de todo o mundo. As razóns sinaladas desde a ONU á hora de outorgar o galardón refírense á utilidade da plataforma como ferramenta para facilitar que a cidadanía poida plantexar ideas e necesidades de forma directa e poñer a súa disposición os servizos públicos para que se poidan levar adiante.
A plataforma, baseada en software libre de código aberto, é unha proposta que desenvolveu o Concello de Madrid coa colaboración, entre outras institucións, do consistorio coruñés. O goberno local implantou en 2016 esta ferramenta a través do portal A Porta Aberta, que serve de base para a realización do programa de democracia directa Orzamentos Participativos, que permite que a cidadanía poida tomar decisións respecto a unha parte dos investimentos dos presupostos municipais. Neste momento, o programa desenvolve a súa terceira edición na Coruña.
A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, quixo salientar este xoves que o galardón “referenda a aposta polo traballo colaborativo entre as administracións”. “A plataforma A Porta Aberta é a base dun programa que xa é central na acción de goberno, como son os Orzamentos Participativos. Este premio avala a aposta do goberno local pola participación e polos mecanismos de democracia directa na Coruña”. A edil tamén destacou que o coruñés “seguirá a colaborar e alimentar tanto esta plataforma como outros proxectos colaborativos”, en refencia á Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable que A Coruña está a desenvolver cos municipios de Madrid, Zaragoza e Santiago de Compostela a través da convocatoria estatal Ciudades Inteligentes de la agenda digital para España.