Vigo | Os voceiros das tres formacións políticas da oposición con representación na Corporación Municipal de Vigo (PP, BNG e En Marea) así como a presidencia da Federación de Asociacións Veciñais “Eduardo Chao” (FAVEC) fixeron balance da xestión de Abel Caballero, quen ostenta o poder municipal desde 2007, e tamén para albiscar o horizonte electoral de 2023.
Alfonso Marnotes | Partido Popular de Vigo
Cales son os principais atrancos para facer oposición a Abel Caballero?
O principal é a actitude antidemocrática nos plenos municipais. Os partidos de oposición temos limitada a unha as nosas intervencións mentres o alcalde ten cinco. O segundo é o control absoluto do alcalde do espazo público. Se falamos cunha asociación veciñal que recibe subvención do Concello, el se molesta.
Como vedes o horizonte político de cara ás municipais de 2023?
Moito mellor que en 2019. A xente está comezando a amosar o seu cansanzo pola falta de mantemento dos espazos públicos e a deficiencia e encarecemento dos servizos, como é o caso da auga. Isto provoca un desgaste da súa imaxe. Tamén está o Plan Xeral, co pelotazo urbanístico de Samil mentres nas parroquias non podes construír.
Xabier P. Igrexas | BNG de Vigo
Cales son os principais atrancos para facer oposición a Abel Caballero?
A maior dificultade é o talante antidemocrático e autoritario do alcalde, un modelo hiperpersonalista, especie de caste de ditadura romana. Tamén está o nivel de violencia institucional e como Caballero, dopado con diñeiro público, está exercendo un verdadeiro monopolio do discurso público, especialmente a nivel mediático, invisibilizando á oposición. Vigo merece moito máis que luces e propaganda.
Como vedes o horizonte político de cara ás municipais de 2023?
Con moito optimismo. Durante estes algo máis de dous anos e medio estamos percibindo como aumenta a simpatía e o apoio social ao proxecto do BNG para transformar a cidade. Queremos impulsar unha nova política municipal que atenda as verdadeiras prioridades neste contexto de grave crise social, que reverta de desertización cultural, que despregue políticas radicalmente feministas e que aposte, de verdade, por un Vigo verde, sustentábel e ecolóxico.
Rubén Pérez Correa | Marea de Vigo – Son en Común
Cales son os principais atrancos para facer oposición a Abel Caballero?
Perdeuse democracia no Concello. Cando As Mareas chegamos á Corporación Municipal en 2015 impulsamos a modificación do Regulamento do Pleno para un uso equitativo das intervencións pero iso non se ten cumprido. Tamén observamos trabas por parte do goberno municipal no acceso aos medios de comunicación. Consideramos que o de Abel Caballero é un “réxime monotema” del mesmo, xa nin sequera do seu partido. Hai déficit na transparencia e no rigor da xestión pública.
Como vedes o horizonte político de cara ás municipais de 2023?
As Mareas sempre fomos espazos de construción e tamén de reconstrución. Ábrense agora tamén novos proxectos politicos como o de Yolanda Díaz, que agardamos teñan tamén repercusión a nivel municipal. Nacimos para sumar máis xente e abrimos un proceso de reflexión para o que queremos facer en 2023.
María Pérez | Presidenta da Federación Asociacións Veciñais “Eduardo Chao”
Por qué entendes que Abel Caballero se enfrontou ao movemento veciñal en Vigo?
Porque non lle interesa un movimiento veciñal unido, que lle poida criticar.
Existe algunha Federación distinta da Eduardo Chao que estea apoiada polo Alcalde?
No hai outra federación, pero si tentaron pero non lograron os apoios suficientes.
Cal é a vosa situación tras quedar sen local? Cantas asociacions permanecen en Eduardo Chao? Estades facendo actividades?
En FAVEC hai na actualidade 30 asociacións veciñais. Agora estamos sen local oficial a pesares de seren declarada entidade de utilidade pública. Neste momento estamos utilizando as instalacions da Avenida Camiño Vello de Coia. Seguimos facendo actividades para asociacións veciñais, como charlas do Plan Xeral polas parroquias con moito éxito de público, cursos subvencionados pola xunta e atención o público.