A oposición ponteareán fai fronte común da contra Nava Castro

BNG, PSOE e PEC acusan á Alcaldesa de "actitudes antidemocráticas"

Ponteareas | Os grupos políticos da oposición de Ponteareas, BNG, PSOE e PEC, rexistraron conxuntamente para o pleno de maio a iniciativa que o goberno de Nava Castro impediu debater o pasado luns. Na mesma, solicítase á Xunta que dote de máis médicos a Ponteareas, mantendo aberta a quenda de tarde, e que reforce a Unidade de Saúde Mental para reducir as listas de agarda que alcanzan até un ano.

“A situación sanitaria en Ponteareas é insostible, e o goberno local ten que pórse do lado da veciñanza e non pretender ocultar a situación caótica na que se atopa o Centro de Saúde de Ponteareas polo desmantelamento programado da sanidade pública que practica o PP dende a Xunta, con consecuencias nefastas para a saúde e o benestar das veciñas e veciños”, sinalan.

Deste xeito, BNG, PSOE e PEC inician unha “fronte común antes as actitudes antidemocráticas do goberno tripartito de Nava Castro, que ademais de silenciar aos grupos da oposición impedindo o debate plenario de iniciativas do máximo interese para Ponteareas, vulnera os dereitos dos membros da Corporación, interrompe sistematicamente as intervencións e incumpre o regulamento e os acordos adoptados nas xuntas de portavoces por todas as forzas políticas”.

Os tres grupos políticos apostan pola democracia, a transparencia e a participación, e instan ao PP de Nava Castro e aos seus aliados Juan Carlos González (ACIP) e Mingos Freitas (IP) a abandonar a crispación e o obstrucionismo no que se instalaron para impedir o traballo da oposición que é esencial nun sistema democrático.