Ponteareas/BNG | Na súa primeira sesión ordinaria, o Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas reprobou, por iniciativa do BNG e co apoio de todos os grupos agás o de goberno, ao concelleiro independente Mingos Freitas polo improperio lanzado a unha persoa do público no Pleno de investidura, así como á alcaldesa Nava Castro por consentilo.
Así mesmo, o Pleno acordou que se o concelleiro continúa sen presentar a súa dimisión, a alcaldesa o cese das súas funcións polos graves feitos protagonizados.
Durante o debate da iniciativa, o Portavoz Municipal do BNG botou man dun audio no que a alcaldesa recoñecía que o concelleiro lle ofrecera a súa renuncia, e que foi ela mesma quen lle impediu deixar a Corporación.
O Bloque considera que “ante a súa minoría, a Castro importoulle máis a suma deste concelleiro para ter unha persoa máis no goberno que a ética e a decencia, e demostrou non estar á altura da súa responsabilidade, xa que por dignidade democrática debería actuar fronte a estes graves feitos e non ser cómplice upando a este concelleiro a formar parte do goberno municipal”
Indemnización por incumprimentos do pasado
Ademais, neste Pleno aprobouse por unanimidade unha indemnización de máis de 162.000 euros ás persoas propietarias dos terreos nos que se edificou o pavillón polideportivo do IES do Barral tras un convenio coas mesmas asinado polo goberno local do PP no ano 2005.
O goberno do PP daquel momento incumpriu o convenio, que establecía entre outras a aprobación do Plan Urbanístico antes do 2007, e as persoas propietarias reclamaron tal como establecía o contrato. O Bloque salienta que “grazas á aprobación definitiva do Plan Urbanístico lograda polo goberno liderado polo BNG no 2021, cúmprese unha das cláusulas daquel convenio, recollendo a ordenación urbanística pactada”.
“Grazas a esta acción, que resolveu moitas das desfeitas dos gobernos precedentes do Partido Popular, o Pleno tivo que aprobar unha indemnización de 162.543 € do diñeiro de todas e todos os veciños, e non de 525.900 €, que era a cantidade reclamada polos demandantes”, destaca o BNG.